Concello de Redondela

O Concello analiza o volume tráfico no casco histórico cun sistema de cámaras en probas

– O Concello de Redondela traballa na reordenación do tráfico no casco histórico da vila. Xa se instalaron cámaras para o control dos vehículos na praza da Constitución, rúa Prata, Pai Crespo e Campo das Redes. O obxectivo nesta primeira fase é avaliar o tráfico que circula pola zona. Posteriormente as cámaras servirán para verificar que só circulan os coches autorizados.
– As restricións de tráfico no casco histórico comezaron en 2012, pero ata o de agora o sistema presentaba moitas eivas. Os incumprimentos nas limitacións dos vehículos son moi frecuentes, o que supón un grave prexuízo para o patrimonio e tamén moita inseguridade para os peóns. As cámaras van previr os estacionamentos indebidos e axudarán a que as rúas sexan máis seguras.

O Concello de Redondela traballa na reordenación do tráfico no casco histórico da vila que busca “mellorar a calidade de vida e a seguridade dos veciños e veciñas, fomentar a sostibilidade e preservar o patrimonio histórico”. As restricións de tráfico no casco histórico comezaron xa en 2012, pero ata o de agora o sistema presentaba moitas eivas. Os incumprimentos das limitacións establecidas son moi frecuentes, “o que supón un grave prexuízo para o patrimonio e unha inseguridade para os peóns”, sinalan desde o Concello.

Para facer do casco histórico unha zona máis accesible e segura instaláronse cámaras de control do tráfico, ás que só teñen acceso os corpos e forzas de seguridade. Os visores están nos puntos do casco vello recomendados no estudo realizado pola Policía Local: praza da Constitución, na rúa Prata, rúa Pai Crespo e rúa Campo das Redes. Nesta primeira fase as cámaras só funcionan en probas, para monitorear e cuantificar o tráfico que circula por estas rúas. Posteriormente as cámaras de tráfico servirán para verificar que só circulan polo caso histórico os vehículos autorizados, xa que identificarán as matrículas. Antes de que a o sistema de control por cámaras entre oficialmente en funcionamento, desde o Concello informarase á cidadanía con detalle do seu funcionamento e das restricións no acceso ao casco histórico.

Desde o Concello sinalan que este novo sistema evitará que as persoas non residentes circulen polo casco histórico, o que reducirá dun xeito moi significativo o tráfico. As cámaras servirán para previr o estacionamento indebido e axudarán a que as rúas sexan máis seguras. Os dispositivos terán tamén un efecto disuasorio ante actos incívicos e de vandalismo que ocasionan molestias aos residentes. No caso de áreas delicadas, as cámaras axudarán a protexelas e, no caso de rexistrarse algún problema, a axuda chegará antes, xa que estarán conectadas á policía.

Compartir