Concello de Redondela

Presentación de libro na Biblioteca Xela Arias

A Biblioteca Xela Arias de Chapela convídavos a asistir á presentación do libro «Blúes da Florida», unha novela do escritor e docente José G. Barral Sánchez.

Terá lugar na biblioteca o Venres 7 de febreiro, ás 19:30 h.

Ambientada no Vigo dos anos 60, esta proposta literaria, labrada cun rico apoio documental, constitúese nunha homenaxe ao tranvía, que marcou o xeito de vivir de toda unha xeración de de viguesas e vigueses, amén dos habitantes da súa contorna.

No encontro que teremos co autor contaremos tamén coa presenza de Xoán Carlos Abad, director do Instituto de Estudos Vigueses, e ex-profesor do IES Chapela, que fará a introdución deste proxecto.

Será unha oportunidade para unha interesante charla, onde non só abordará a novela e a historia que se sucede nela. Será tamén unha ocasión para afondar no estudo do impacto que o tren lixeiro deixou na comarca viguesa e a transformación e a pegada que quedou despois, cando este foi relegado polas liñas de autobús.

O autor traerá imaxes da época, especialmente do contexto de Teis e mais Chapela, e contaranos moitas curiosidades.

Unha nova cita para coñecer o que se está a facer dentro da vida creativa e editorial na nosa contorna, dentro do ciclo «Aquí sí hai quen escriba».

Agardamos a vosa presenza!

A PRESENTACIÓN DO LIBRO AQUÍ.

Compartir