– A área de autocaravanas sitúase no aparcadoiro situado detrás do pavillón municipal da Marisma e conta con 7 prazas, e reordenouse todo o aparcadoiro para facilitar a entrada e saída de vehículos. Os usuarios teñen un tempo de permanencia máxima de 72 horas.
– O aparcadoiro está situado nun espazo natural próximo ao río Pexegueiro e preto do centro urbano. Os traballos foron realizados por persoal do Concello con materiais sustentables seguindo os criterios da Asociación Galega de Autocaravanas. O Concello estuda crear outra área similar en Cesantes, no entorno da praia da Punta.
O aparcadoiro do pavillón da Marisma, na avenida Mendiño, estrea un espazo reservado para autocaravanas. Conta con sete prazas para este tipo de vehículos, unha delas reservada para condutores con mobilidade reducida. A alcaldesa Digna Rivas, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, e a edil de Turismo, Rita Pérez, comprobaron esta mañá o resultado dos traballos. Todas as prazas teñen un ancho de 4 metros, cinco delas cun largo de 6 metros e dúas cun largo de 6 metros. Os traballos foron realizados polos operarios municipais e con materiais sustentables, maioritariamente madeira. A área atópase nun entorno natural, próximo ao río, e moi preto do centro urbano de Redondela, e realizouse seguindo os criterios da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA).
Os usuarios da área de autocaravanas terán que cumprir a normativa que se establece por parte do Concello, cun período máximo de permanencia de 72 horas e a prohibición de sacar mesas ou cadeiras do vehículo. Para a carga de auga e descarga de residuos as autocaravanas contan cun punto a escasos metros do aparcadoiro que acaba de ser reformado. Sitúase na outra beira do río, no paseo do Pexegueiro, no lateral da aula CeMIT.
Reordenación do aparcadoiro do pavillón da Marisma
En paralelo á creación desta área de autocaravanas reordenouse todo o aparcadoiro, cunha sinalización que facilita a entrada e saída de vehículos, cun total de 70 prazas para turismos.
Desde as concellerías de Infraestruturas e Sostibilidade e de Turismo estase a estudar unha segunda área para autocaravanas en Cesantes, nas inmediacións da praia da Punta, que estará operativa nuns meses.