Concello de Redondela

Redondela homenaxea a Sesé Mateo no IV Premio de Xornalismo Ético

– As xornalistas Macarena Baena e Laura de Grado recolleron o IV Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético pola súa reportaxe “Desprotexidas. A realidade das mulleres migrantes vítimas de violencia de xénero en España”. O traballo foi publicado na plataforma Efeminista, da axencia EFE.
– Este premio naceu co obxectivo de recoñecer “a ética á hora de tratar informacións relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e respectando a intimidade das vítimas e as súas familias, e iso é o que fai esta reportaxe que dá voz ás propias vítimas”, como explicou a alcaldesa Digna Rivas.

O Concello de Redondela entregou o sábado o IV Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista ás xornalistas Macarena Baena Garrido e Laura de Grado Alonso. A súa reportaxe “A realidade das mulleres migrantes vítimas de violencia de xénero en España”, publicado na plataforma Efeminista, da axencia EFE, alzouse co galardón. Trátase dunha ampla reportaxe que inclúe vídeos con testemuños de mulleres de diferentes nacionalidades. Este traballo denuncia “a situación de vulnerabilidade destas mulleres migrantes, que ademais de sufrir violencia de xénero son tamén vítimas de violencia institucional, racismo e unha desprotección sistemática pola súa situación irregular”. A reportaxe ofrece tamén a visión de expertas que propoñen solucións e información sobre os recursos dispoñibles para as vítimas. A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, sinala que o traballo elixido polo xurado pon o foco nas propias vítimas, “mulleres invisibles que sofren marxinación e violencia polo feito de ser mulleres, o que se grava pola súa condición de estranxeiras e sen recursos”. Este premio naceu co obxectivo de recoñecer “a ética á hora de tratar informacións relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e respectando a intimidade das vítimas e as súas familias, e iso é o que fai esta reportaxe que dá voz ás propias vítimas”, como explicou a alcaldesa Digna Rivas.

As autoras agradeceron este premio que lles fai “especial ilusión” e tamén “a confianza e valentía” das mulleres que participar no proxecto “co obxectivo de que ningunha outra muller teña que vivir o mesmo”. Explicaron que este tipo de informacións son útiles e necesarias “e que o xornalismo ten que contar con recursos para que cada vez sexan máis”.

O galardón está dotado con 1.500 euros e unha escultura en bronce feita pola asociación Lenda que representa unha man facendo a forma dun corazón.

Digna Rivas e Joshua Alonso Mateo entregáronlles o premio nun acto que contou cunha charla coloquio co título “Os medios de comunicación como axentes do cambio” con Ana González Liste, gañadora do III Premio Sesé Mateo, e Diana López Varela, xornalista e escritora. Ambas destacaron a importancia da formación en igualdade para facer un xornalismo ético e con perspectiva de xénero á hora de abordar situación de violencia machista “porque non podemos tratar igual á vítima que ao agresor”. Tamén alertaron da grave ameaza que supoñen as “fake news” para o feminismo e para a democracia en xeral.

O cambio de formato destes premios, que ata o de agora se facían cunha gala no auditorio da Xunqueira, responde a un desexo do propio Joshua Mateo. “Buscamos facer algo máis profesional, e que non resultase tan doloroso emocionalmente para min e a miña familia”, explicaba o fillo de Sesé Mateo. O acto rematou cunha emotiva lectura de poemas do libro de Sesé Mateo “Polo camiño do vento” a cargo de Mar Núñez.

Ana González Liste, Diana López Varela, Laura de Grado, Macarena Baena, Laura Nogueira, Joshua Mateo, Digna Rivas, Mar Núñez e Iria Vilaboa

Compartir