A alameda Castelao acolleu onte o acto institucional co gallo do Día das Letras Galegas. A alborada de Rosalía interpretada polo gaiteiro Olimpio Xiráldez abriu a celebración. Nenos e nenas foron os encargados de poñer en valor ás mulleres cantareiras, a quen a Real Academia Galega dedica este ano a celebración. Xandre, Ada, Daniel e Naia puxeron nome ás cantareiras de Mens, labregas de Malpica que, como outras moitas mulleres na historia de Galicia, foron as encargadas de transmitir xeración tras xeración as coplas populares. Lembraron tamén ao redondelán Casto Sampedro, que recolleu moitas desas cantigas e músicas.
O técnico de Normalización Lingüística, Xurxo Martínez, presentou o acto e puxo en valor o traballo feito desde Redondela a prol da cultura, a tradición popular e a lingua galegas.
A alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa ledicia porque este ano a Real Academia escollese para homenaxear o Día das Letras «a todas as mulleres galegas que cantaron e canta para manter viva a nosa cultura e a nosa lingua». Rivas animou a asociacións, clubs deportivos e colectivos a incorporar o galego como a súa lingua habitual «na escrita e na fala» para promover o seu uso, especialmente entre os máis novos. A alcaldesa dixo sentir «orgullo» de que o Concello de Redondela sexa «un referente en Galicia» en materia de normalización lingüística e na promoción da lingua e a cultura, e fixo un chamamento a toda a cidadanía «para seguir séndoo».
O acto contou coa actuación do grupo de cantareiras O Carballo das Cen Pólas, e nenos e nenas bailaron para o numeroso público que ateigou a carpa. O himno galego e a ofrenda floral a Castelao pecharon a celebración, que contou con numeroso público.