– As actuacións que se levarán a cabo serán, por unha banda, a elaboración dun censo sobre a biodiversidade da zona e, por outra, a eliminación de especies exóticas invasoras como a “margarida africana”. Tamén se elaborará unha guía, en formato dixital, que permitirá poñer en valor a riqueza natural da enseada.
– A alcaldesa Redondela, Digna Rivas, recibiu en Cesantes á Directora de Políticas Turísticas da Secretaría de Estado Ana Muñoz Llabrés, que visitou o litoral redondelán para coñecer a zona onde se levarán a cabo os traballos de rexeneración ambiental.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, recibiu hoxe en Cesantes unha delegación da Secretaría de Estado de Turismo e da Axencia de Turismo de Galicia para realizar unha visita de campo no marco da xornada técnica dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD). O proxecto que se porá en marcha en Redondela ao abeiro deste programa de axudas consistirá na rexeneración e mellora dos ecosistemas dunares, intermareais e do esteiro da enseada de San Simón. Os traballos buscan mitigar os efectos do cambio climático. A bióloga Ana Vázquez, responsable do proxecto, explicou que as actuacións que se levarán a cabo serán por unha banda a elaboración dun censo sobre a biodiversidade da zona, con multitude de aves, e por outra a eliminación de especies exóticas invasoras como a “margarida africana” e tamén os residuos sólidos urbanos. Tamén se elaborará unha guía, en formato dixital, que permitirá dar a coñecer a riqueza natural e a biodiversidade deste espazo de especial protección ambiental incluído na Rede Natura 2000. A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que a enseada de San Simón “é unha xoia natural coa que conta Redondela á que hai que coidar e preservar, e este proxecto responde a este fin”. A Directora de Políticas Turísticas da Secretaría de Estado Ana Muñoz Llabrés amosouse “moi satisfeita por poder ver no terreo o que significa recuperar espazos naturais non só para o turismo, senón tamén para os propios residentes».
Este proxecto, financiado con máis de 18.000 euros, está incluído no programa de Plan de Sostibilidade Turística do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo financiado con fondos europeos NextGenerationEU co que promover intervencións integrais para crear destinos turísticos sostibles e resilientes fronte aos efectos do cambio climático. Na visita realizada esta mañá ao areal de Cesantes participaron tamén Ilona Shekyants, Subdirectora adxunta de sostibilidade Turística do Ministerio de Industria e Turismo, e por parte da Axencia de Turismo de Galicia Iván Meléndez, director de Competitividade e Marta Trebolle. Xunto coa alcaldesa de Redondela estiveron os concelleiros, Rita Pérez Táboas, responsable de Turismo, Pilar Martínez, de Medio Ambiente, e Roberto Villar, responsable de Infraestruturas e Sostibilidade. Tamén asistiron os alcaldes dos Concellos de Pazos e Mos, Luciano Otero e Nidia Arévalo, que forman parte do GDR14.