Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

O alumnado redondelán celebra o día do teatro coa obra “O porco de pé”

Concello de Redondela
20-03-2024
0
O alumnado redondelán celebra o día do teatro coa obra “O porco de pé”

No día de hoxe, 20 de marzo, celébrase o Día Mundial do Teatro Infantil e Xuvenil. O Concello de Redondela quixo celebrado co alumnado dos institutos cunha proposta teatral de gran nivel: “O porco de pé”. Máis de 200 mozos e mozas dos IES Floriani, Mendiño e Chapela puideron gozar esta mañá no auditorio da Xunqueira da adaptación da novela de Vicente Risco a cargo da compañía Producións Teatrais Excéntricas. Dirixida por Quico Cadaval, os actores Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo dan vida a unha galería de múltiples personaxes que pasan por este teatro de barracón. Desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello enviouse aos centros o material didáctico para que alumnado de 4º da ESO, e 1º e 2º de Bacharelato puidese traballar esta obra nas aulas.

O vindeiro 3 de abril será o alumnado dos colexios Alexandre Bóveda e Igrexa os que gocen do teatro no auditorio do Piñeiral de Chapela coa obra “Voa, voa!” de Talía Teatro, e o 10 de abril centros de Redondela, Ventosela, Reboreda e Cedeira achegaranse ao auditorio da Xunqueira para asistir á obra “Lambetadas”, tamén de Talía Teatro.

Con esta programación Redondela súmase tamén a esta festa do teatro, que o día 27 de marzo celebra tamén o seu Día Mundial, “para poñer en valor o teatro feito en Galicia e é galego”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. A rexedora, responsable tamén do SNL, sinala que des o goberno local pretenden favorecer “que a infancia e a mocidade teñan a oportunidade de ver obras de teatro de calidade realizadas na nosa lingua, xa que Galicia ten grandísimos referentes na literatura e na dramaturxia”, e estas tres representacións son un claro exemplo.

A cultura no libro de honra do Concello

Os actores Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo compartiron uns minutos coa alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro Antonio Cabaleiro, despois da súa actuación. Os protagonistas de “O porco de pé” asinaron no libro de honra de Redondela, un xesto coa que o goberno local quere poñer o valor o traballo das persoas que representan a cultura en Galicia. “Máis aló da sinatura dos cargos políticos que nos visitan, a nosa intención é que aquelas persoas que traballan pola nosa cultura desde diferentes ámbitos teñan tamén este recoñecemento”, explica Rivas.

Neste libro de honra do Concello de Redondela teñen deixado a súa sinatura figuras como os escritor Manuel Rivas e Méndez Ferrín e destacadas figura da nosa música como Guadi Galego e Susana Seivane.