Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

Redondela celebra o Día Mundial da Auga cun documental sobre as traídas veciñais

Concello de Redondela
19-03-2024
0
Redondela celebra o Día Mundial da Auga cun documental sobre as traídas veciñais

Este venres, 22 de marzo, celébrase o Día Mundial da Auga. Redondela conmemora esta data coa proxección do documental “A auga que trouxeron”, organizada pola concellería de Infraestruturas e Sostibilidade. Esta traballo audiovisual constrúe un relato sobre a realidade das traídas veciñais de auga en Galicia. Estes sistemas son resultado dun proceso histórico onde a veciñanza xogou un papel importante, pois en moitos casos foron os propios veciños quen as construíron, financiaron e xestionaron. Este modelo ofreceu un sistema de abastecemento autónomo adaptado ao contexto territorial do país, cunha alta dispersión da poboación no territorio. Esta realidade permanece a día de hoxe, xa que aínda son moitas as traídas veciñais que seguen a facer unha xestión autónoma da auga. O documental, unha produción de Trespés Filmes, olla cara o pasado para recoñecer o esforzo colectivo que significou levar a auga ás casas nunha Galicia rural sen servizos básicos garantidos. Tamén analiza o presente, cos seus retos e conflitos, e aborda un futuro complexo para as traídas veciñais de augas que deben facer fronte a ameazas como o despoboamento rural ou a seca.

“A auga que trouxeron” é un documental dirixido por Beatriz Vázquez Campaña, autora tamén do guión xunto a Alberte Román Losada. Poderá verse ás 20.30 no auditorio da Xunqueira, con entrada de balde.