Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

O Concello de Redondela ingresará 140.000 euros polo IBI da autoestrada AP-9 ao seu paso polo municipio

Concello de Redondela
24-01-2024
0
O Concello de Redondela ingresará 140.000 euros polo IBI da autoestrada AP-9 ao seu paso polo municipio

Este ano remata a bonificación do 95% do Imposto de Bens Inmobles da que se beneficiaba Audasa, a empresa concesionaria da autoestrada. O recibo incrementarase neste ano de 7.027 euros a 140.553 euros. A alcaldesa, Digna Rivas valora o incremento como unha cuestión “de xustiza”. O feito de ter que soportar esta infraestrutura verase agora compensado co pago íntegro do imposto “o que redundará en máis ingresos para o Concello e a posibilidade de ofrecer máis e mellores servizos para a veciñanza”. O recibo da contribución que Audasa paga ao Concello de Redondela polo paso da autoestrada AP-9 incrementarase este ano dos 7.027 euros a 140.553. Este aumento é posible debido a que remata a obriga que os Concellos tiñan que aplicar por lei e que ascende ao 95% de rebaixa no IBI. Trátase dunha Lei de Autoestradas de 1972 que aínda en vigor. Un Real Decreto de 2000 estableceu unha cláusula que establece que esa bonificación caducaría “a partir do día 19 de agosto do ano 2023 inclusive”, no caso das autoestradas de Galicia. Deste xeito as arcas municipais de Redondela verán incrementada a recadación en concepto de Imposto de Bens Inmobles en máis de 133.000 euros no recibo actualizado a Audasa.

A alcaldesa, Digna Rivas, valora dun xeito moi positivo esta inxección económica para o Concello grazas á eliminación da bonificación á AP-9. “Trátase dunha cuestión de xustiza, xa que Redondela, e especialmente Chapela, deben convivir a diario cos problemas que xera a autoestrada, que divide a parroquia”, sinala a rexedora. O feito de ter que soportar esta infraestrutura verase agora recompensado co pago íntegro do imposto “o que redundará en máis ingresos para o Concello e a posibilidade de ofrecer máis e mellores servizos para a veciñanza”, sinala Rivas.

Para facer o cobre actualizado do IBI neste exercicio de 2024 non será necesario realizar ningún trámite, simplemente que a oficina de recadación traslade á empresa o recibo actualizado coa nova cantidade, do 100% do IBI.