Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

O Concello de Redondela avanza nun plan local de saúde comunitaria

Concello de Redondela
13-03-2024
0
O Concello de Redondela avanza nun plan local de saúde comunitaria

As concelleiras de Sanidade, Pilar Martínez, e de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, xuto o concelleiro de Ensino e Deportes Iván Valles, mantiveron un encontro con diferentes responsables sanitarios do Centro de Saúde de Redondela. Á xuntanza de traballo asistiron Esther López, xefa de servizo do Centro de Saúde redondelán, Ramon Lagos, coordinador do Servizo de Enfermería do centro, o responsable do departamento de Nutrición, Jaime Juncal, a fisioterapeuta Noa Siñuela e as enfermeiras comunitarias do centro. O obxectivo deste encontro, celebrado a semana pasada, é o de traballar conxuntamente entre os Centro de Saúde de Redondela e o Concello de Redondela nun plan de saúde comunitaria.

Trátase dun plan “pioneiro” do Concello de Redondela, e que pode realizarse “grazas á implicación dos profesionais dos Centros de Saúde do municipio, tanto o de Redondela como o de Chapela”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. Desde a concellería de Sanidade a prioridade é “poñer en marcha un plan local de saúde que redunde nunha mellor calidade de vida para veciños e veciñas de todas as idades”, explica Pilar Martínez.

Na primeira xuntanza analizáronse as características e necesidades da poboación redondelá para concretar os programas que se van poñer en marcha e mellorar así “a atención integral dos pacientes”. A edil destaca que os ámbitos de actuación nos que se vai traballar serán saúde, educación, benestar social, deportes e medio ambiente.

A primeira actividade será a de formación en Primeiros Auxilios nos centros de ensino, clubs deportivos, centros culturais e parroquiais, e tamén para os participantes no Programa de Voluntariado de Redondela, de recente creación. Tamén formación para familias que contan con persoas dependentes, “para axudarlles na tarefa diaria tan importante que é a dos coidados, tanto para os doentes como para as persoas coidadoras”, explica Pilar Martínez.

Outras actividades que ser porán en marcha serán os roteiros biosaudables, e tamén actividades para persoas con patoloxías crónicas que sirvan para mellorar a súa calidade de vida. Tamén se traballará coas escolas para mellorar a formación do profesorado en canto á atención ao alumnado con diversidade funcional.