Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

Goberno local e colectivos de Chapela reúnense para decidir o futuro da parcela do antigo CEIP Igrexa

Concello de Redondela
25-02-2024
0
Goberno local e colectivos de Chapela reúnense para decidir o futuro da parcela do antigo CEIP Igrexa

O goberno local de Redondela convocou na tarde de onte aos colectivos e asociacións da parroquia de Chapela para presentarlles o anteproxecto para o solar do antigo colexio Igrexa no que o Concello está a traballar. A Asociación de Veciños de Chapela, a Plataforma de Afectados da AP9, Flores Mareliñas, Anaquiños, Asociación Cultural de Chapela, Comunidade de Montes de Chapela e Asearpo participaron nesta primeira reunión de traballo. O arquitecto Ángel Santorio foi o encargado de explicarlles a finalidade dos traballos que se preparan para este espazo de 2.300 metros cadrados. A proposta do goberno local é a de dedicar a maior parte do espazo a zonas verdes e de esparexemento e utilizar 700 metros cadrados a unha edificación para dotar á parroquia de servizos.

Os diferentes colectivos fixeron as súas achegas, se ben a maioría manifestou o seu acordo en dar prioridade aos espazos verdes, en sintonía co proxecto do Concello. O obxectivo do goberno local é que “tanto esta zona verde de esparexemento como o edificio estean dedicados tanto aos maiores como á mocidade, con dotacións para crear un área de convivencia e lecer para a veciñanza”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Unha das propostas, realizada pola asociación Anaquiños, é a de desprazar a este futuro edificio algúns dos servizos que se prestan actualmente no Multiúsos do Piñeiral do Crego para descentralizar as actividades.

Rivas explicou que se terán en conta as propostas dos colectivos da parroquia “por iso celebramos estas reunións de traballo con eles antes de tomar unha decisión definitiva”. O compromiso do goberno local é “escoitar sempre as demandas da veciñanza nestes proxectos de calado, como xa fixemos no Skatepark de Chapela e no Campito, para que tamén a cidadanía faga as súas propostas”.