Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

Pilar Martínez: “O voluntariado é unha forma de vertebrar a sociedade”

Concello de Redondela
07-02-2024
0
Pilar Martínez: “O voluntariado é unha forma de vertebrar a sociedade”

A concelleira Pilar Martínez explica que o Programa de Voluntariado traballará en dúas grandes áreas:“a atención e acompañamento a maiores e dependentes e por outra banda accións medioambientais”. A edil advirte que é preciso “fuxir do individualismo, xa que todos nos necesitamos uns a outros”. “Ninguén é imprescindible, pero todos somos necesarios para que a sociedade avance, e esa é a liña de traballo do goberno de Digna Rivas” asegura a concelleira. O Plan de Voluntariado do Concello de Redondela xa está en marcha e a finais deste mes de febreiro, logo de toda a tramitación regulamentaria, xa será oficial. A concelleira de Medio Ambiente e Maiores e Infancia, Pilar Martínez, fai un chamamento a todas aquelas persoas que desexen participar a informarse e inscribirse neste programa. A edil está segura de que será “todo un éxito” e que servirá para concienciar á cidadanía da importancia de colaborar en accións de voluntariado “e facer entre todos e todas unha sociedade máis xusta e solidaria”.

A concelleira explica que os voluntarios e voluntarias terán varias áreas de actuación e que os participantes recibirán formación específica segundo o ámbito de intervención na que queiran colaborar. Unha das áreas será a de atención e acompañamento a maiores e persoas dependentes “para paliar as horas de soidade non desexada”. Pilar Martínez explica que existen moitos maiores con problemas de mobilidade, “o que non lles permite socializar todo o que quixeran e a labor dos voluntarios e voluntarias nestes casos pode ser de gran axuda para eles”. Isto é algo que desde o Programa de Voluntariado tamén se fará extensible ás parroquias, “onde a veciñanza se coñece mellor e saben cales son as necesidades dos seus maiores”. Con todo, advirte que “non se trata de suplir a labor dos traballadores e traballadoras” senón de “complementar” as funcións dos profesionais con outro tipo de actividades de ocio ou acompañamento por parte do voluntariado.

Outra das áreas de actuación será o voluntariado medioambiental, dirixido sobre todo a mozos e mozas “que están moi concienciados no problema que supón a contaminación e a crise climática”. Neste sentido a formación e a actuación coordinada coas administracións é fundamental, e desde o Programa de Voluntariado poderán vertebrarse este tipo de accións.

Para Pilar Martínez este programa será un xeito de artellar “unha participación activa dos veciños e veciñas que o desexen, un xeito de vertebrar a sociedade en termos de solidariedade, colaboración e axuda”. A edil advirte que hoxe máis que nunca é preciso “fuxir do individualismo para vivir nunha sociedade real, na que todos nos necesitamos uns a outros”. “Ninguén é imprescindible, pero todos somos necesarios para que a sociedade avance, e esa é a liña de traballo do goberno de Digna Rivas”, asegura a concelleira.

No Programa de Voluntariado poden inscribirse xa todas as persoas maiores de idade, e as menores a partir dos 16 anos con autorización de pais, nais ou titores. Poden facelo no Concello de Redondela e nos Multiúsos de Redondela e Chapela. Máis información nos teléfonos 986 400 300 ou 670 910 488.