Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

Andaina amplía a dous días as Xornadas sobre Diversidade Funcional

Concello de Redondela
05-03-2024
0
Andaina amplía a dous días as Xornadas sobre Diversidade Funcional

O Concello de Redondela acolleu esta mañá a presentación das IV Xornadas Andaina sobre Diversidade Funcional, que se celebrarán os días 15 e 16 de marzo no Auditorio da Xunqueira. Lara Naya, directora destas xornadas, explicou que por primeira vez a actividade terá dous días de duración.

O venres 15 proxectarase o documental “Educación inclusiva, quererla es crearla”. A sesión está dirixida ao público en xeral, pero especialmente a estudantes da ESO, Bacharelato, Maxisterio, e ciclos relacionados coa educación e a diversidade funcional. O traballo nace dun movemento de persoas pola diversidade, conformado por un grupo variado de familias, estudantes e profesionais vinculados á Educación Inclusiva. A cinta comeza coa historia de Rubén, un neno con síndrome de down, que gaña a demanda sobre a súa expulsión da Educación Ordinaria. Rematada a proxección haberá un debate no que participarán Alejandro Calleja, pai de Rubén, e Paula Verde, socia de Andaina e participante activa do movemento “Quererla es crearla”. A asistencia é de balde, pero é preciso inscribirse no enderezo electrónico andainaculturaedeporte@gmail.com. A alcaldesa Digna Rivas fixo un chamamento aos centros de ensino do municipio para que aproveiten esta actividade e participen “porque os mozos e mozas son o futuro, e só formándose e coñecendo esta realidade da man dos que máis saben podemos facer unha sociedade máis inclusiva”.

O sábado día 16, en horario de mañá e de tarde, celébranse as xornadas formativas con relatorios e charlas. O primeiro en intervir, ás 10.00 horas, será César Bona, mestre, escritor, conferenciante e gran defensor dos dereitos da infancia. É un dos cincuenta mellores mestres do mundo segundo o Global Teacher Prize, o chamado Premio Nobel dos profesores. Outros participantes serán Miguel Hernández Nores, especialista en Pedagoxía terapéutica, educación musical e primaria; Ánxela López Leiceaga, cofundadora de SOLCOM e Vigalicia e presidenta da Federación de Vida Independente; Rocío García Castro, psicóloga clínica e vicepresidenta de AGAT; e a Fundación Aequitas, coa intervención dos notarios de Redondela para explicar a nova lei de discapacidade.

As inscricións a estas xornadas están abertas ata o 11 de marzo a través da web de Andaina e nas súas redes sociais. O prezo é de 25 euros, reducido a 10 euros para estudantes, desempregados e persoas con diversidade, e de balde para os socios de Andaina.

Dentro destas xornadas Adaina ofrece tamén dúas exposicións: a mostra de fotografía de Paula Verde “Reconocer la diversidad” e a exposición de pinturas de Óscar Veiga “Coñéceme polas miñas habilidades e non polas miñas discapacidades” no Multiúsos da Xunqueira.

Tanto a alcaldesa como o concelleiro de Ensino, Iván Valles, agradeceron a labor de Andaina “non só cos seus usuarios e usuarias ao longo de todo o ano, senón co conxunto da sociedade ao ofrecer estas xornadas que axudarán a seguir formando aos profesionais do ensino para que a educación sexa realmente inclusiva”, sinala Valles. Rivas salientou a importancia do traballo de asociacións como Andaina “que permiten seguir avanzando en igualdade para unha sociedade máis xusta, estas xornadas son un claro exemplo e sempre terán todo o noso apoio e colaboración”.