Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

'Os Festeiros' de Bembrive, gañadora do Desfile de Comparsas 2022 do Entroido de Redondela

Concello de Redondela
28-02-2022
0

O segundo premio foi para a Asociación Cultural 'Comparsa Luces de Tomiño' con Comparsa Circo, mentres que O Circo de Andaina da Asociación Andaina con necesidades especiais de Redondela, foi gañadora do premio á inclusión e á diversidade

As comparsas de Entroido volveron a encher de música, cor, son e humor as rúas de Redondela este domingo, 27 de febreiro, nun desfile que non se celebraba dende o 2020 e que respondeu con creces ás expectativas tanto da veciñanza como do Concello. O certo é que o xurado encargado de decidir os nomes das comparsas gañadoras entre as sete formacións participantes, non o tivo doado.

Ao final o xurado, por unanimidade, daba por gañadora á Disco Festeires, da Asociación Os Festeiros de Bembrive, composta por 86 persoas e que se levaba os 900 euros en metálico cos que estaba dotado o primeiro premio.

O segundo premio, cunha dotación de 600 euros en metálico, foi para Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño con Comparsa Circo; mentres que o terceiro premio de 300 euros ía para a Asociación Comparsa Os Choqueiros coa comparsa Un paseo por Venecia.

Amais dos tres premios, o xurado outorgaba tamén os galardóns especiais ao Premio Mocidade de Comparsa que recaía na Asociación Cultural Comisión de Festas Cepeda coa comparsa Vaibem; o Premio á Retranca de Comparsa para a Asociación Veciñal Novo Vigo coa comparsa Foliada, Bule, Bule e, finalmente, a Asociación Andaina de Persoas con necesidades especiais de Redondela, Andaina, gañaba o Premio á inclusión e á diversidade, dotado con 500 euros, pola comparsa O Circo de Andaina.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que felicitou ás comparsas participantes “por unhas comparsas nas que quedaba reflectida toda a ilusión e ganas de facer desfrutar á veciñanza”, puxo de relevo a importancia que ten a recuperación dunha das máis tradicionais festas “que contribúe en grande maneira a que comecemos a ver unha certa normalidade e nos fai concibir esperanzas de que esteamos chegando ao final dunha pandemia que marcou a nosa vida durante os dous últimos anos”.

Rivas lembrou que “aínda queda moito Entroido por diante” e lembrou que na tarde do martes 1 de marzo a partir das 17 horas terá lugar o concurso de disfraces de grupos, parellas e individual. Todos os que desexen participar nesta fase do concurso realizarán a súa inscrición o mesmo día dende as 16 horas nun posto instalado nos soportais do Concello.

Doutra banda o sábado 5 de marzo celebrarase en Chapela o Enterro do Berete para o que o Concello destina un orzamento de 3000 euros que se distribuirán en 400 euros para as comparsas con máis de 80 compoñentes e que leven carroza; 300 euros para as comparsas que conten entre 56 e 80 compoñentes e con carroza de acompañamento; 200 euros para as que teñan entre 26 e 55 compoñentes e leven unha carroza e, finalmente, 100 euros para as comparsas con máis de 25 compoñentes sen carroza.