Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

O Goberno local adianta a súa intención manter aberta a “vía do diálogo e traballo conxunto” para sacar adiante os Orzamentos 2022

Concello de Redondela
28-05-2022
0
O Goberno local adianta a súa intención manter aberta a “vía do diálogo e traballo conxunto” para sacar adiante os Orzamentos 2022

O Goberno socialista de Redondela adiantou hoxe a súa intención manter aberta a “vía do diálogo e traballo conxunto” para sacar adiante os Orzamentos, logo de que as contas municipais foran rexeitadas no Pleno de onte cos votos en contra do BNG e Partido Popular.

Os Orzamentos que onte se levaban a Pleno buscaban, segundo manifestara a alcaldesa en reiteradas ocasións, “prestar especial atención ás persoas que precisan da axuda pública para poder seguir desenvolvendo a súa vida de xeito digno trala crise da Covid”. O voto en contra do PP, afirma con rotundidade a alcaldesa, pon en perigo o benestar de moitas familias e impide a potenciación de servizos como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que nas contas presentadas a Pleno onte, “pasaban dos 550.000 euros do orzamento do PP do 2018 aos máis de 1 300 000 euros que destinamos neste 2022”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, cualificou hoxe de “absolutamente irresponsable” a postura do PP redondelán que onte, cos seu voto en contra, impediu a aprobación “dos maiores orzamentos da historia de Redondela”. “No seu afán por desgastar a este Goberno –engade a rexedora local– os populares votaron en contra das axudas ás Comunidades de Augas, á dinamización do comercio e ao incremento das partidas destinadas a Benestar Social”.

Para Digna Rivas, o PP “xa está en modo eleccións” votando en contra de calquera iniciativa do Goberno socialista “independentemente se esta beneficia ou non á cidadanía, iso para eles é secundario”.

“As ansias dos populares de votar en contra a calquera proposta deste Goberno –engade Rivas– failles incluso caer en ridículas contradicións ao afirmar que estas contas non se diferencian en nada ás presentadas por eles no 2018”. “Se así fora, que non o é e os números están aí para demostralo, porque votan en contra?” pregunta a alcaldesa.

Digna Rivas quixo tamén agradecer o “esforzo e traballo realizado por AER, e plasmado ao longo de diversas reunións” para buscar puntos de encontro que permitiran sacar os Orzamentos adiante. Do mesmo xeito, e pese ao seu voto en contra, Rivas puxo en valor o traballo realizado polo BNG, con reunións case que semanais, de cara a tratar de chegar a un acordo.

A alcaldesa de Redondela subliñou que, o voto en contra do BNG, foi debido a un tema puntual referido á construción da pista de atletismo . A última proposta nacionalista, explica Digna Rivas, “presentóusenos tan so 24 horas antes do Pleno, cando xa non había capacidade de manobra”.

Rivas matizou o Goberno é plenamente coincidente co BNG na consecución “dun proxecto máis ambicioso para as instalacións de atletismo e nesa liña estamos e seguiremos traballando conxuntamente” pero, explicaba, “levouse a pleno o actual proxecto que busca dar unha resposta máis inmediata ás necesidades dos deportistas locais”.

“Hai outro proxecto máis ambicioso –insiste a alcaldesa– ao que non renunciamos en absoluto e é nesa liña na que estamos a traballar co BNG de cara a chegar a un entendemento e acadar un acordo que beneficie ao conxunto da cidadanía”.