– A Alameda Castelao acolleu a presentación dos traballos feitos en galego por máis de 700 escolares. Poesías, as lendas de Redondela, a obra de Rosalía de Castro ou os animais mariños foron algúns dos temas que deron a coñecer. Nenos e nenas viviron unhas interesantes xornada de convivencia e gozaron do concerto de “Pakolas”.
– A III edición das xornadas “Espallar Tinta” encheu a Alameda Castelao durante dous días coa rapazada dos CEIP Cedeira, Outeiro das Penas, Alexandre Bóveda, Porto Cabeiro, Reboreda, Ventosela, Santa Mariña, San Pedro, Laredo, Igrexa, Quintela e Colexio Vigo. Esta actividade, financiada polo Concello de Redondela, é unha iniciativa do CEIP Cedeira.
A Alameda Castelao acolleu nas xornadas de onte xoves e hoxe venres a III edición das xornadas “Espallar Tinta”. Uns 700 nenos e nenas dos colexios de Redondela deron a coñecer os traballos literarios que realizaron durante o curso en lingua galega. Xornais, poesías, historias e lendas de Redondela, investigacións sobre interesantes animais mariños ou a obra de Rosalía foron algunhas das creacións que se expuxeron ao público. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Iván Villar, déronlle a benvida á rapazada de diferentes cursos dos CEIP Cedeira, Outeiro das Penas, Alexandre Bóveda, Porto Cabeiro, Reboreda, Ventosela, Santa Mariña, San Pedro, Laredo, Igrexa, Quintela e Colexio Vigo.
Estas xornadas serven para dar visibilidade á infancia e a todo aquilo que escriben e queren compartir. Para a alcaldesa Digna Rivas “é moi importante facilitar espazos ao aire libre e abertos ao público onde os nenos e nenas poidan expresarse e ensinar o seu traballo”. O concelleiro de Ensino, Iván Valles, salientou tamén a importancia de actividades como esta para favorecer “a convivencia entre o alumnado e profesorado dos diferentes centros, e poder compartir proxectos e experiencias”.
Nenos e nenas viviron unha interesante xornada de convivencia, aprenderon moito e gozaron dos concertose rock infantil con “Pakolas”. Todos os participantes reciben tamén por parte do Concello un fermoso caderno serigrafiado co cartel do evento.
“Espallar Tinta” é unha actividade financiada polo Concello de Redondela que partiu da iniciativa do CEIP Cedeira. A alcaldesa agradeceu o gran traballo deste centro, da súa ANPA, e da profesora Jessica Rodriguez Piñeiro “na organización dun evento desta magnitude”.