Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Redondela rende homenaxe a Durán Clemente “polo seu compromiso coa liberdade e a democracia”

O coronel Manuel Durán Clemente, con ascendencia en Redondela, recibiu onte unha homenaxe institucional na Casa do Concello cunha recepción presidido pola alcaldesa Digna Rivas. Durán Clemente, un dos capitáns da Revolución dos Caraveis, desempeñou un papel central na operación militar que derrocou ao réxime ditatorial portugués. A alcaldesa, Digna Rivas, salientou o seu papel como defensor “das liberdades e a democracia”. Durán Clemente tamén desempeñou “un papel crucial na reconciliación nacional, promovendo o diálogo e a comprensión entre as diferentes faccións da sociedade portuguesa”. Rivas puxo en valor que, malia a presións dos grupos reaccionarios “sempre se mantivo firme no defensa dos ideais democráticos”.

Acompañado de familiares de Redondela e Pazos de Borbén, Durán Clemente asinou no libro de hora do Concello de Redondela, e recibiu de mans da alcaldesa unha Coca de Sargadelos, “que simboliza tamén a loita dun pobo contra o dragón opresor”, sinalou a rexedora. Manuel Durán agradeceu o recibimento por parte do Concello redondelán e felicitou á alcaldesa “polo poder democrático, (…) co obxectivo dunha sociedade cada vez máis libre, igualitaria e fraterna”.

Acto homenaxe no Auditorio da Xunqueira

Pola tarde conmemorouse o 50º aniversario da Revolución dos Caraveis cun acto no auditorio da Xunqueira. O coronel Manuel Durán Clemente foi o protagonista desta cita organizada polo Concello xunto co Colectivo Republicano de Redondela e Federación de Ateneos de Galicia. Na mesa redonda participaron Durán Clemente e Manuel Ruíz Robles, ex-membro da Unidade Militar Democrática e voceiro de Militares Democráticos (Anemoi). Finalmente soou o histórico “Grândola Vila Morena”, canción de Zeca Alfonso escollida polo MFA como sinal do inicio da Revolución dos Caraveis en Portugal. O tema, que fai referencia á fraternidade entre as persoas, foi interpretado por Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Branca Francés, Josiño do Viso, Fon Conde e Berto Covelo.

Compartir