Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O Arquivo Audiovisual do Concello amplíase con imaxes dos anos 50 e 60 doadas por Heliodoro Barros

-Heliodoro Barros Míguez, veciño de Cesantes, acaba de ceder ó Arquivo audiovisual do Concello 22 fotografías da súa propia colección. Heliodoro viviu sempre ligado ó mar coma mariñeiro, primeiro de altura e logo na ría de Vigo.

-Todas as fotografías faranse públicas e difundiranse tanto nas redes sociais como en papel no propio Arquivo municipal. Para consultalas na web poderase facer a través do Instagram ou no Facebook do Arquivo.

-A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, agradeceu o xesto de Heliodoro Barros e anima á veciñanza “a seguir este exemplo e facilitar ao Arquivo municipal imaxes que poidan ter nas súas casas sobre oficios, tradicións ou celebracións para seguir ampliado o fondo audiovisual do Concello”.

O arquivo audiovisual do Concello de Redondela acaba de ampliar o seu fondo grazas á cesión de 22 imaxes antigas da colección particular de Heliodoro Barros Míguez, veciño de Cesantes. Heliodoro viviu sempre ligado ao mar como mariñeiro de altura (navegando por Ceuta, Illas Canarias, Cádiz e ata Exipto e a Canle de Suez) e despois con traballos de baixura na ría de Vigo, dedicado ao marisqueo. Este veciño achegouse ao arquivo municipal para ceder as fotografías e contar o que nelas acontece e as súas vivencias “axudando, deste xeito, a poñer unha peza máis na historia visual e etnográfica do noso municipio”. As imaxes foron dixitalizadas e, unha vez traballadas, foron devoltas ao seu propietario quen asinou esta mañá o permiso para que as mesmas poidan ser consultadas pola veciñanza do Concello de Redondela. Digna Rivas, a alcaldesa, asinou do mesmo xeito o compromiso do Concello de Redondela de custodiar as imaxes dixitais de Heliodoro Barros e rexistrar e difundir a súa historia. Ana Gesteira, responsable do Arquivo Audiovisual, sinala que con esta nova incorporación o fondo conta a día de hoxe con preto de 77.000 imaxes. Esta nova achega conta cunha ficha por cada fotografía describindo “as persoas que aparecen ou o que estaba acontecendo”, explica Gesteira.

Nos vindeiros días todas as fotografías faranse públicas e difundiranse tanto nas redes sociais coma en papel nas dependencias municipais do propio Arquivo. Para consultalas na web poderase facer a través do Instagram e o Facebook do Arquivo. Nese momento “será traballo de toda a veciñanza poder axudar a recoñecer persoas, momentos ou lugares que aparecen nas imaxes, recompoñendo así entre todos a Historia do noso municipio” sinala a responsable do Arquivo.

Dende a Concellería de Cultura e o Concello de Redondela agradecéronlle a Heliodoro Barros esta colaboración, e animan á veciñanza a sumar ao Arquivo as imaxes que poidan ter na casa. “Deste xeito, entre todos e todas, gardaremos a nosa memoria visual”, salienta a alcaldesa, Digna Rivas. “Notamos nos nosos fondos unha carencia de fotografías das parroquias, e por iso queremos pedir ás persoas que poidan ter nas súas casas fotografías das parroquias de Redondela que se poñan en contacto co Arquivo municipal”, engade Rivas. As fotografías seguirán estando nas casas dos seus propietarios e propietarias, pero haberá unha copia custodiada no Concello que coidará da súa conservación e transmisión ás xeracións vindeiras.

Compartir