Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

A reforma do Campo de Fútbol de Chapela inclúe novo céspede e melloras na iluminación

– Os traballos inclúen o cambio de céspede artificial por un de última xeración, a substitución dos proxectores de luz por uns de tipo LED, novos canóns de rego e porterías.

– A alcaldesa, Digna Rivas, visitou as obras xunto ao presidente do CF Chapela, Jose Benito Hermida, e concelleiro de Deportes, Iván Valles, que estarán rematadas antes de dous meses. Esta reforma é posible grazas ao acordo subscrito o pasado ano entre o Concello e a Comunidade de Montes de Chapela, que cedeu os terreos e agora son propiedade municipal.

Rivas lembra que era o seu compromiso para este mandato realizar o cambio de céspede en Chapela coa primeira subvención que recibisen para dotacións deportivas “e así o estamos a facer”. Os traballos ascenden a 259.473,28 euros.

A renovación do Campo de Fútbol Municipal de Chapela xa está e marcha. As obras inclúen a substitución do céspede artificial en todo o terreo de xogo, en total 6.000 metros cadrados. A nova superficie será de céspede artificial de última xeración, lastrado con area de sílice e caucho. O concelleiro de deportes, Iván Valles, explica que coa reforma consérvanse as dimensións actuais do campo de fútbol 11 e dos dous campos de fútbol 8, coa marcaxe correspondente “de xeito que servirá como ata o de agora para a práctica de fútbol 11 no lado longo e con dous campos de fútbol 8 no lado curto, para que se poidan xogar dous partidos ao mesmo tempo”.

A obra inclúe tamén a substitución dos proxectores de luz actuais por uns de tipo LED “o que supón a mellora da eficiencia enerxética ao tempo que cumprimos coas condicións lumínicas para o xogo”, sinala Valles. Tamén se renovarán os canóns de rego por uns novos, así como as redes da porterías de fútbol 11.

A alcaldesa, Digna Rivas, explica que esta reforma é posible grazas ao acordo subscrito o pasado ano entre o Concello e a Comunidade de Montes de Chapela, que cedeu os terreos e agora son propiedade municipal. O campo de fútbol, construído no ano 2006, presentaba un importante deterioro, “polo que era moi necesario acometer esta obra”, sinala Rivas. A rexedora, que visitou as obras co edil de Deportes e o presidente do CF Chapela, Jose Benito Hermida, lembrou que era o seu compromiso para este mandato realizar o cambio de céspede en Chapela coa primeira subvención que recibisen para dotacións deportivas “e así o estamos a facer”.

O financiamento da obra corre a cargo do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e do Plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra. O contrato foi adxudicado a Obras y Pavimentos Especiales, SA, por un importe de 259.473,28 euros. O prazo para a execución da obra é de dous meses, polo que o campo estará listo para o comezo da próxima pretemporada.

Compartir