Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

As actividades de turismo ambiental seguen en setembro con nove rutas guiadas

– A programación dos Roteiros Ambientais inclúe rutas nocturnas, que tiveron moito éxito entre o público nos meses de xullo e agosto. En agosto as visitas nocturnas serán aos ríos Pexegueiro, Fondón e Maceiras. Entre as novidades destaca unha actividade de Orientaventura en bicicleta no Chan das Pipas, en Saxamonde.

O Concello de Redondela ofrece no mes de setembro un total de nove actividades de ecoturismo e educación ambiental. Logo do éxito da programación de xullo e agosto, as concellerías de Turismo, Sostibilidade e Medio Ambiente continúan coas actividades que se realizan sempre con guía e contan cunha ampla proposta de roteiros e actividades a pé, en bicicleta ou en caiac. A programación de setembro inclúe de novo rutas guiadas nocturnas que tiveron moi boa acollida entre o público nos meses de xullo e agosto. Nesta ocasión as visitas nocturnas serán aos ríos Pexegueiro, Fondón e Maceiras. Entre as novidades deste mes destaca unha actividade de Orientaventura en bicicleta no Chan das Pipas, o día 21 de setembro. A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, destacou a “transversalidade” destas actividades “que apostan polo turismo ambiental, sostible e responsable con saídas para coñecer o espectacular patrimonio natural de Redondela”. O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, sinalou que o obxectivo destas actividades é “poñer en valor os recursos naturais de Redondela e tamén concienciar á veciñanza e ás persoas que nos visitan da importancia de respectar estes espazos naturais e axudar a conservalos”. As actividades contan coa colaboración do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy.

Para participar nestas actividades é preciso facer a inscrición previa na oficina de turismo, no teléfono 986 40 17 13 ou no enderezo electrónico turismo@redondela.gal. A programación completa é a seguinte:

Martes día 3 de setembro: Caiac ambiental pola Enseada de San Simón. 20€/persoa.

Venres día 6: Ruta nocturna polo río Pexegueiro. Natureza, muíños e lendas. De balde.

Sábado día 7: Ruta ambiental Punta de Cesantes – Soutoxuste. De balde.

Venres día 13: Ruta nocturna polo río Fondón. Natureza, muíños e lendas. De balde.

Sábado día 14: Caiac ambiental pola Portela. 20€/persoa.

Sábado día 14: Ruta nocturna polo río Maceiras. Actividade ambiental. De balde.

Venres día 20: Ruta polo río Pexegueiro. Natureza, muíños e lendas. De balde.

Sábado día 21: Orientaventura en bicicleta no Chan das Pipas (Saxamonde). Con bici propia 5€/persoa. Con bici do Concello 8€/persoa.

Domingo día 29: Ruta en bicicleta e observación de aves na Portela. Con bici propia 5€/persoa. Con bici do concello 8€/persoa.

Compartir