Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O Concello renova a estrada de Outeiro de Reboreda cun investimento de 165.000 euros

– O concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villar, explica se trata dunha intervención “moi necesaria para renovar todo o pavimento e mellorar a drenaxe, cunha rede de recollida de pluviais que evitará a acumulación de auga nas épocas de chuvia que ten provocado inundacións nalgunhas vivendas e garaxes” .
– A estrada, de máis dun quilómetro, comunica varios núcleos de poboación da parroquia. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que estas obras van supoñer tamén “unha mellora para a seguridade viaria tanto dos vehículos como dos peóns.

Os traballos de pavimentación e mellora na estrada de Outeiro de Reboreda realizarase no último trimestre deste ano. A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade do Concello de Redondela adxudicou este mes o contrato destas obras á UTE Oresa-Covisa Reboreda por un importe de 165.821,90 euros. Os traballos, que contan cun prazo de execución de 4 meses, está previsto que comecen no próximo mes de outubro.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e os concelleiros Infraestruturas, Roberto Villar, e Urbanismo, Antonio Cabaleiro, visitaron a zona na que comezarán os traballos en breve. Villar explicou se trata dunha “intervención moi necesaria para renovar todo o pavimento da estrada e mellorar a drenaxe, cunha rede de recollida de pluviais que evitará a acumulación de auga nas épocas de chuvia que ten provocado inundacións nalgunhas vivendas e garaxes”. Esta estrada, cunha lonxitude de 1.147 metros, comunica varios núcleos de poboación da parroquia. “As obras suporán tamén unha mellora para a seguridade viaria tanto dos vehículos como dos peóns”, sinala a alcaldesa Digna Rivas.

A nova rede de recollida de augas pluviais farase a todo o longo da estrada, polas marxes. Co fin de optimizar esta nova drenaxe instalaranse diferentes puntos de aliviadoiro da carga de augas pluviais. En canto ao novo pavimento, antes de proceder ao estendido da capa de rodaxe procederase ao fresado do aglomerado existente nas entradas das leiras onde a subida de cota poida supor un problema coas augas pluviais. Así mesmo, procederase á limpeza das cunetas e noiros do camiño. Posteriormente procederase ao varrido do firme actual e ao estendido da nova capa de rodaxe de aglomerado asfáltico en quente de 5 cm. de espesor final, estendido e compactado con medios mecánicos.

Roberto Villar sinala que desde a concellería de Infraestruturas e Sostibilidade “estase a avanzar na reparación e mellora das estradas e camiños do municipio, e o obxectivo é seguir nesta liña tanto con fondos propios do Concello como doutras administracións”. O concelleiro afirma que “malia as críticas do PP, estanse facendo avances nos arranxos das rúas, dentro do que nos permiten os orzamentos e as condicións meteorolóxicas”. “Aínda que non coa rapidez que nos gustaría, os traballos estanse facendo e hai unha mellora significativa nos camiños”, conclúe Villar.

No caso da pavimentación e mellora da estrada de Outeiro de Reboreda, o proxecto supón a renovación de toda a estrada, cunha superficie aproximada de 6.715 metros cadrados. A obra está subvencionada a través do Plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.

Compartir