Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O Concello de Redondela amplía ata os 741.000 euros as subvencións a asociacións, entidades e familias

As diferentes áreas do goberno local de Redondela reparten un total de 741.000 euros en subvencións a diferentes asociacións, colectivos, entidades sociais. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que é un compromiso do seu goberno “apoiar a importante labor que están a realizar as diferentes asociacións e entidades en beneficio da veciñanza redondelá en ámbitos como o social, o cultural ou o deportivo”. As subvencións inclúen tamén achegas do departamento de Servizos Sociais para familias en situación de vulnerabilidade, “unha labor que se está a facer desde o Concello malia non ser competencia municipal”.

A partida máis importante é a das subvencións nominativas, que este ano se incrementou dos 248.000 ata os 319.500 euros para un total de 21 asociacións e colectivos. Na relación de entidades beneficiarias hai tres novas, que son a Asociación Cultural e Deportiva de Rande pola celebración da Batalla de Rande (22.000 euros), a Fundación Érguete (10.500 euros) e o CCD Cesantes pola organización da Bandeira Feminina Cesantes (9.000 euros) . Outros nove colectivos incrementan a subvención recibida con respecto ao ao pasado. É o caso da Asociación Española Contra o Cancro (que pasa de 4.000 a 6.000 euros), a Asociación Lenda (que ve incrementada a subvención dos 15.000 aos 20.000 euros), Asociación Andaina (pasa de 18.000 a 20.000 euros), AFAGA Alhzeimer (aumenta de 15.000 a 18.000 euros), Millo Verde (incrementa a axuda de 18.000 a 20.000 euros), ACS Chapela Escola de Música (pasa de 36.000 a 39.000 euros), a Asociación Xente Titiriteira (aumenta a subvención de 56.000 a 59.000 euros), a Confraría de Pescadores San Xoán (pasa de 5.000 a 10.000 euros) e a Asociación de Empresarios de Redondela (pasa dos 10.000 aos 15.000 euros). Para o presente ano outras nove asociacións manteñen a mesma cantidade de subvención que no exercicio anterior: Cáritas (20.000 euros), Fundación Santa Cruz (3.000 euros), Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (4.000 euros), ONG Da Man (2.500 euros), Fundación Amigos de Galicia (6.000 euros), CCD Cesantes Bandeira Redondela (12.000 euros), CCD Cesantes Bandeira de Bateis (2.500 euros) CR Chapela Bandeira Feminina Chapela (9.000 euros) e CR Chapela Bandeira Masculina Chapela (12.000 euros).

As subvencións da concellería de Deportes suman un total de 200.000 euros para o presente exercicio, unha cantidade da que se benefician un total de 25 clubs do municipio de máis de 10 disciplinas deportivas diferentes. Estas axudas teñen como obxectivo “fomentar a realización de actividades deportivas no municipio e facilitar a participación da veciñanza en competicións oficiais das diferentes modalidades existentes”.

Desde a concellería de Participación Cidadá subvenciónanse con 64.000 euros aos centros culturais parroquiais, cunha partida de 39.000 euros para os seus gastos correntes e outra de 25.000 euros para a realización de actividades. O departamento de Servizos Sociais destina un montante de 40.000 euros para a subvención do comedor escolar ás familias que cumpren os requisitos, e outros 10.000 euros para actividades que realicen asociacións e colectivos. Por outra banda o departamento de Igualdade subvenciona con 14.000 euros actividades para a promoción da muller e da igualdade.

Por outra parte, a concellería de Infraestruturas e Sostibilidade achega subvencións ás Comunidades de Augas das parroquias do municipio por un importe total de 30.000 euros. A concellería de Ensino subvenciona con 30.000 euros ás ANPAS dos centros de ensino público para a xestión dos comedores escolares e outras actividades, unha cantidade á que hai que sumar outros 8.500 euros de subvencións ás familias para libros e material escolar. Desde a concellería de Cultura o importe das subvencións para este ano a asociacións e colectivos ascende a 25.000 euros.

Actualmente está aberto o prazo para solicitar as subvencións para actividades de promoción da muller e a igualdade, e ao longo deste mes de outubro abriranse outras convocatorias que serán publicadas na páxina web do Concello de Redondela.

80.000 euros para Axudas de Emerxencia Social

Ademais das diferentes subvencións que se convocan desde o Concello, o orzamento municipal conta tamén dunha partida de 80.000 para axudas de emerxencia social. Neste caso non existe un prazo concreto, senón que estas axudas poden solicitarse ao longo de todo o ano a través do departamento de Servizos Sociais do Concello. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que estas axudas económicas están destinadas “a sufragar gastos de persoas ou familias en posible situación de exclusión social para actuar de maneira rápida cando concorran factores de risco”.

Compartir