O Concello de Redondela acolleu este mediodía a recepción ás patinadoras redondelás Laura Albán e Lidia Couñago, que participaron o pasado mes de setembro no Mundial ‘World Skate Games’ celebrado en Italia, no que remataron en 6º lugar. Laura Albán e Lidia Couñago forman parte do grupo de patinaxe do club Ribex de Tui, que acadou o bronce no Campionato de España de Patinaxe artística.
Hoxe recibiron o diploma “Orgullo redondelán” e a insignia do Concello de mans da alcaldesa, Digna Rivas, nun acto no que participaron tamén o concelleiro de Deportes, Iván Valles, e o de Infraestruturas Roberto Villar. A rexedora sinalou que este acto é “un recoñecemento e homenaxe polo seu traballo e méritos deportivos nesta disciplina”. Rivas felicitounas polos seus éxitos e fixo fincapé no esforzo que supón “compaxinar os adestramentos co traballo e os estudos para manterse na elite da patinaxe, o que é un gran mérito” .