– Tras un ano de traballos de restauración a cargo do Obradoiro de Emprego, o bote Manuel foi trasladado ao Centro de Interpretación da Batalla de Rande. A embarcación, con case un século de antigüidade, “xa forma parte do patrimonio do museo, presidindo esta entrada como un símbolo da nosa historia”, sinalou a alcaldesa Digna Rivas.
– O bote, que foi cedido ao Concello pola Asociación Lagoa dos Bébedos, abastecía de víveres e roupa á illa de San Simón cando foi prisión e logo como orfanato. Tamén tería un papel relevante durante a II Guerra Mundial salvando a refuxiados xudeus que chegaban á ría de Vigo, e colaborou na busca dos desaparecidos e rescate dos cadáveres en varios afundimentos.
Logo de case un ano de traballos de restauración, o bote Manuel preside desde onte a entrada do centro de interpretación da Batalla de Rande, o Meirande. A embarcación foi trasladada desde o pazo de Pousadouro, onde nos últimos meses foi sometida a unha restauración integral. Os traballos de recuperación do bote foron realizados polo alumnado do Obradoiro de Carpintería de ribeira dirixidos polos seus mestres. O bote Manuel é unha embarcación tradicional da enseada de San Simón dos anos 30 do século pasado. O que o fai único é que este bote, ademais de ser utilizado para pesca, tamén abastecía de víveres e roupa á illa de San Simón cando foi prisión e logo como orfanato. Tamén tería un papel relevante durante a II Guerra Mundial salvando a refuxiados xudeus que chegaban á ría de Vigo. Este bote participou ademais na recuperación dos galeóns da batalla de Rande e colaborou na busca dos desaparecidos e no rescate dos cadáveres en varios afundimentos. Xunto ao bote instalouse un panel informativo coa súa historia e todo o proceso de recuperación.
A alcaldesa, Digna Rivas, xunto cos concelleiros de Emprego Antonio Cabaleiro e de Cultura Rita Pérez, acompañaron ao alumnado e profesorado do Obradoiro que hoxe instalaron a embarcación no Meirande. No acto participou tamén Óscar Rodríguez, da Asociación Lagoa dos Bébedos, colectivo que doou o bote ao Concello para impulsar este obradoiro de carpintería que acabou por restaurar este histórico bote. “Con esta restauración poñemos en valor este importante elemento do noso patrimonio, que queda agora exposto no museo Meirande, presidindo esta entrada como un símbolo da nosa historia”, anunciou Rivas. A alcaldesa agradeceu a Faustino Otero, propietario da embarcación, e á Asociación A Lagoa dos Bébedos a cesión deste bote e o seu impulso para os traballos de restauración, así como o gran traballo feito polo Obradoiro de Emprego que deixou o bote en perfectas condicións para a súa exposición. No vindeiro mes de decembro o alumnado do obradoiro construirá unha réplica deste bote Manuel que será navegable, e que se poderá botarse ao mar e empregarse para cruzar a enseada de San Simón.