Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Redondela pon en marcha un programa pioneiro para a recollida e adopción de gatos

– O concelleiro Roberto Villar explica que o obxectivo principal deste protocolo é o de “atender aos animais de raza felina que están desamparados, feridos ou que se atopen en estado abandono”. Máis de 300 gatos e gatas foron esterilizados desde que comezaron en 2019 as campañas de control felino por parte do Concello de Redondela.
– Durante o programa piloto previo, desde xullo de 2023 ata setembro de 2024 a concellería de Sostibilidade traballou na xestión das colonias de gatos da rúa e atendeu as incidencias por abandonos. Na campaña de 2023 o Concello recolleu 54 gatos que xa están adoptados por familias. En 2024 o número de casos reduciuse case nun 70%, con 18 gatos recollidos que xa están en pre-adopción.

O Concello de Redondela xa conta cun Protocolo de Actuación para a Recollida de Felinos, elaborado directamente pola concellería de Sostibilidade. O concelleiro Roberto Villar explica que o obxectivo principal deste protocolo é o de “atender aos animais de raza felina que están desamparados, feridos ou que se atopen en estado abandono”. O edil aclara que este programa “non está deseñado para cubrir as responsabilidades que os propietarios teñen cos seus animais”. Outro dos obxectivos será “identificar casos de maltrato ou abandono animal e adaptar os procesos de recollida dos gastos da vía pública á nova lei de Benestar Animal”. Lembra Villar que a recollida de animais extraviados e abandonados e seu aloxamento nun centro de protección animal é unha obriga dos Concellos. No caso dos cans Redondela ten un convenio con CAAN, dependente da Deputación de Pontevedra “pero no caso dos gatos era necesario establecer un regulamento”, sinala o edil.

O novo protocolo establece todos os pasos a seguir o caso de atoparse un animal ferido, enfermo, extraviado ou abandonado, e tamén o procedemento do Programa Municipal de Adopción Felina. Ante un caso de alerta no departamento de Medio Ambiente ou na Policía Local o caso trasladarase á Concellería de Sostibilidade. Será o departamento de Rescate e Control de Especies o que se encargue do caso, recollendo o animal e trasladándoo á clínica veterinaria de referencia. De non aparecer persoa propietaria o animal será derivado a unha casa de acollida de referencia. Pasados os dez días de custodia dende a alta veterinaria o animal entrará dentro do programa de adopción felina do Concello de Redondela. O obxectivo deste programa vén dado pola necesidade de atender os gatos que son recollidos polo Concello e se atopan en situación de desamparo ou abandono. O programa consta de dúas partes: contrato de Pre-adopción, para os animais que non están aínda esterilizados e o contrato de adopción definitiva, destinado para os animais esterilizados.

Máis de 70 gatos adoptados no primeiro ano do programa piloto

Este protocolo que acaba de publicarse é froito de máis dun ano de traballo cun programa piloto no que traballou a concellería de Sostibilidade, desde xullo de 2023 ata setembro de 2024. Roberto Villar explica que grazas a esta experiencia foron vendo as diferentes casuísticas que dan en Redondela, tanto na xestión das colonias de gatos da rúa como as incidencias en abandonos. Na campaña de 2023 o Concello recolleu 54 gatos que xa están adoptados por familias. En 2024 o número de casos reduciuse notablemente, con 18 gatos recollidos que xa están en pre-adopción, o que supón case un 70% menos que na campaña anterior. Villar amósase satisfeito con este balance “porque esta redución demostra que o traballo feito no último ano dá os seus froitos, coas campañas de esterilización e nova Lei de Benestar Animal”. Así mesmo salienta o excelente funcionamento do programa de adopción felina de Redondela “que é un referente en toda a comarca”.

Máis de 300 gatos e gatas foron esterilizados desde que comezaron en 2019 as campañas de control felino por parte do Concello de Redondela. A partida económica é de 10.000 euros anuais das arcas municipais, máis outros 6.000 euros de subvencións autonómicas e estatais. Villar sinala que este programa “deixa en ridículo a axuda anunciada durante a campaña electoral polo presidente Rueda, cunha partida económica que só permitiría esterilizar 3 gatos por cada municipio galego”.

Compartir