Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Redondela prepara un Samaín terrorificamente divertido

– O Concello de Redondela prepara para o 31 de Outubro un amplo programa de actividades para todos os públicos con obradoiros de cabazas, maquillaxes terroríficas, pasarrúas, túnel do terror e visita guiada ao cemiterio dos Eidos.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que se trata dunha xornada de festa con actividades para nenos e nenas, pero tamén para a mocidade e adultos. A programación repártese en diferentes localizacións como o Multiusos de Chapela, o Multiusos da Xunqueira, o paseo do Maceiras, o cemiterio dos Eidos e cun pasarrúas que percorrerá o centro da vila.

O Concello de Redondela presenta as actividades para a celebración do Samaín, unha divertida festa popular para público de todas as idades que terá lugar no municipio na véspera de Defuntos, o xoves 31 de Outubro. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que se desenvolverán actividades ao longo de toda a tarde en diversos puntos da localidade. A programación comezará cos obradoiros nos Multiúsos de Chapela e da Xunqueira de 17.00 a 20.00 horas. En Chapela a diversión está asegurada durante estas tres horas nas que os máis pequenos poderán participar o obradoiro “Fai a túa cabaza de Samaín”. A concelleira Rita Pérez explica que nenos e nenas “poderán deixar voar a súa imaxinación e crear as súas propias cabazas de Samaín, enchéndoas de cor e maxia para levar a casa e como un recordo desta noite tan especial”. Na Xunqueira, ademais do obradoiro de cabazas, tamén haberá talleres de “Maquillaxe de terror” e chapas. Aquí, os pequenos artistas poderán transformarse en criaturas aterradoras coa axuda de maquilladores expertos, que lles darán trucos e técnicas para unha maquillaxe aterradora.

Túnel do Terror

Desde as 18.30 até as 21.30 horas o Paseo do río Maceiras transformarase nun arrepiante túnel no que os máis atrevidos poderán experimentar un mundo de misterio e suspense. Haberá sorpresas e desafíos a cada paso. Pérez Táboas advirte que se trata dunha experiencia “intensa”, polo que está dirixida a público a partir dos 13 anos ou menores acompañados dun adulto.

Pasarrúas SubUmbra

A animación polas rúas na noite máis terrorífica do ano correrá a cargo de Troula Animación co seu espectáculo “SubUmbra”. Uns seres descoñecidos que deambulan sen rumbo entre as tebras esperan o seu momento para facerse ver e crear o caos. Polas rúas de Redondela deixaranse ver “Lobisome” e “Nosferatu”, con Rex e Xuno completando esta comitiva das sombras, achegando faíscas, luz e lume ao percorrido. O pasarrúas comezará ás 19.30 desde a Praza de Ribadavia.

Visita ao Cemiterio dos Eidos

As supersticións, crenzas e lendas da noite de defuntos cobrarán vida no cemiterio dos Eidos. Nunha visita guiada a partires das 20.00 horas os participantes poderán gozar dos misterios deste fermoso e terrorífico camposanto e coñecer as súas tradicións ancestrais. Actividade para adultos con inscrición previa..

Todas as actividades son de balde. Máis información chamando ao teléfono 986 401 713 ou enviando un correo electrónico a turismo@redondela.gal.

Compartir