Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O IV Foro da Muller Rural Galega rende homenaxe á redondelá Encarna Sotelino, memoria viva do duro traballo no mar

– Éxito de participación na cuarta edición deste punto de encontro que dá voz a todas as mulleres que co seu traballo, valentía e decisión transforman o rural. O foro contou coa presenza de 15 mulleres que visibilizaron a súa realidade nos 14 concellos do territorio, entre elas a Patroa Maior de Redondela, Nisi Otero.
– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que “son moitas as barreiras ás que sen enfrontan as mulleres cada día, especialmente no ámbito rural, e desde este foro queremos dar visibilidade a esa loita, porque temos avanzado moito, pero aínda queda camiño por percorrer, e estas mulleres son un exemplo para todas”.

O rural ten rostro, voz e liderado de muller. Nomes propios que co seu traballo, valentía e tesón convértense nun verdadeiro revulsivo que o rural precisa para seguir medrando. A todas elas réndese homenaxe no Foro da Muller Rural Galega, un lugar de encontro posto en marcha por Galicia Suroeste para visibilizar as realidades de todas esas mulleres que apostaron por formar parte do rural traballando, vivindo e transformando o territorio.

Unhas xornadas que chegan á súa cuarta edición con éxito de participación e con 15 novas protagonistas “exemplo de emprendemento, loita e resiliencia que representan as realidades diversas que enchen de vida o rural galego”, sinalou a presidenta de EuRural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Co gallo do Día Internacional das Mulleres Rurais que se celebra o 15 de outubro, a Casona da Torre de Redondela converteuse no escenario no que visibilizar ás verdadeiras impulsoras da economía rural. Máis de 8 millóns de mulleres en España que viven e traballan en zonas rurais na agricultura, na gandaría e na transformación agroalimentaria, pero tamén na outra cara do rural: como directivas, na artesanía, no mar, no turismo, na industria, nos servizos, na educación, no comercio e en moitos outros sectores imprescindibles para o desenvolvemento do territorio.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que “son moitas as barreiras ás que sen enfrontan as mulleres cada día, especialmente no ámbito rural, e desde este foro queremos dar visibilidade a esa loita, porque temos avanzado moito, pero aínda queda camiño por percorrer, e estas mulleres son un exemplo para todas”.

O evento contou coa presenza da deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos; así como de alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras dos 14 concellos do territorio de Galicia Suroeste.

Nesta edición, o foro deu a coñecer as realidades de 14 mulleres que visibilizan unha vez máis que o rural ofrece moito máis que o sector primario. Así, nesta cuarta edición, compartiron as súas experiencias:

• María del Carmen Martínez, do comercio María Rosa (A Guarda).

• Loreto Valenzuela, de Academia Royal Celtic Bay (Baiona).

• Purita Caeiro, de Alimentación Caeiro (Gondomar).

• Lucrecia García, de Kiriko Aventura (Fornelos de Montes).

• Lara Pereira, da tenda de hípica Equipemos (Mos).

• Puri Leyenda, peixeira de Nigrán.

• Cristina Salgado, do Albergue da Estrela en Oia.

• Celia Diz, da Farmacia Diz Peralba no Porriño.

• Liliana Vázquez, de ‘La Renovadora Espazo Gastronómico’ (Pazos de Borbén).

• Nisi Otero, mariscadora de Redondela.

• Silvia Diego, condutora de autobús do Rosal.

• Carmen Álvarez, precursora da vida cultural e asociativa en Soutomaior.

• María Dolores Filgueiras Gela, mestra no CRA Mestre Manuel Garcés de Tomiño.

• Luz Ruibal, xerente da Sociedade Electricista de Tui.

EuRural recolleu a experiencia de todas estas mulleres e dos seus proxectos de vida no rural en pezas audiovisuais que xa están dispoñibles na páxina web da entidade.

Encarnación Sotelino, unha vida no mar

Como é habitual, o foro reservou un espazo especial para o recoñecemento de mulleres que foron, son e serán pezas fundamentais no desenvolvemento do territorio. Este ano a homenaxe foi para a redondelá Encarnación Sotelino, memoria viva do duro traballo no mar e exemplo do legado feminino que constrúe e sostén as comunidades costeiras.

Dende meniña baixaba coa súa nai á marea e aprendeu “un oficio duro” pero do que aínda hoxe, xubilada dende hai anos, está namorada. Un traballo ao que moitas mulleres chegaban para buscar un sustento co que colaborar na casa en tempos difíciles e no que Encarnación lembra “que houbo que loitar moito” para ter un seguro que garantira o futuro cando se retiraban.

Un oficio no que comezou “nunha época na que nin botas había, cantas veces chorei co frío. Non sabiamos nadar, nin bogar cando tiñamos que coller a gamela para ir a Arcade, pero aprendiamos o que fixera falta. Con vento, con chuvia… aguantabamos todo e esperabamos o bo tempo no mar, porque senón xa non saías da casa”. Toda unha vida de traballo duro na marea dos que Encarnación fala orgullosa: “Eu non sería capaz de vivir sen mar. Imposible!”.

A alcaldesa Digna Rivas agradeceu a participación de todas estas mulleres, con mención especial para as redondelás Nisi Otero e Encarna Sotelino, dúas xeracións de mulleres “bravas e fortes, traballadoras do mar que son un referente e unha inspiración para todas”.

Compartir