Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O Concello oponse ao Plan de Usos do Porto ante a falta de protección ambiental

Arquivo: Xuntanza da alcaldesa e o concelleiro de Urbanismo co presidente da Autoridade Portuaria e a directora do porto
– O plan do porto vigués non recolle ningún tipo de avaliación sobre o impacto ambiental que terá nunha zona especialmente sensible como é a Enseada de San Simón, espazo protexido pola Rede Natura 2000. Tampouco ten en conta os elementos da contorna de Rande que son patrimonio histórico, cultural e industrial.
– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, denuncia que o plan do Porto “ignora as demandas deste municipio e a súa realidade patrimonial e ambiental”. As actividades que proxecta o Porto tamén prexudicarían sectores “como a pesca artesanal e o marisqueo, que son sustentables e xeran riqueza no municipio”.

O Plan de Delimitación de Espazos e Usos do Porto de Vigo (DEUP) incumpre as esixencias do Ministerio para a Transición Ecolóxica en materia medioambiental. Así o determina o informe técnico do Concello de Redondela remitido á Autoridade Portuaria dentro do prazo de información pública. O plan do porto non recolle ningún tipo de avaliación ambiental sobre o impacto nunha zona especialmente sensible como é a Enseada de San Simón, espazo protexido pola Rede Natura 2000. O Concello de Redondela esixe que o Plan de Usos inclúa tamén os elementos que pertencen ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, así como o valor da contorna de Rande como referente do patrimonio histórico e industrial da ría. As alegacións presentadas advirten tamén que o porto debe ter en conta o Plan Especial de Protección da Paisaxe e das infraestruturas da mobilidade costeira recollido no PXOM aprobado inicialmente.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lembra que o Concello xa presentou alegacións ao Plan de Usos portuario en 2020 “porque non tiña en conta o patrimonio cultural e natural da enseada de San Simón”. A última versión do plan “non inclúe ningunha alternativa nova”. O goberno local mantivo xuntanzas coa Plataforma en defensa da Enseada de San Simón para informalos dos trámites que se están a realizar. O Concello considera que o o pla do Porto “ignora as demandas deste municipio e a súa realidade patrimonial e ambiental, e non ten en consideración os criterios paisaxísticos, territoriais, culturais e socioeconómicos da zona”. As actividades que proxecta o Porto tamén prexudicarían sectores “como a pesca artesanal e o marisqueo, que son sustentables e xeran riqueza no municipio”. A falta de rigor no aspecto ambiental ten a súa continuidade no campo patrimonial, xa que o plan mostra un “absoluto esquecemento” do patrimonio do municipio, tanto material como inmaterial. Así, nas alegacións ao DEUP recóllense elementos patrimoniais catalogados no Plan Básico Autonómico e que se verían afectados polo Plan de Usos Portuarios. Desde o Concello de Redondela insisten en que o documento “debe garantir a protección deste espazo natural e concretar medidas para a conservación e recuperación dos hábitats protexidos e a biodiversidade”.

Cargadoiro Coto Wagner

O Concello de Redondela móstrase tamén firme contra o uso do antigo cargadoiro de mineral de Rande para unha explotación industrial ou depósito de colectores. O cargadoiro Coto Wagner “é un ben cultural e industrial de Redondela que conta co recoñecemento de Patrimonio tanto da Xunta como do Estado, e este Concello vaise opoñer frontalmente a calquera uso deste espazo litoral que non pase pola súa recuperación” advirte Rivas.

Compartir