Concello de Redondela

Segunda fase de roza e limpeza nos camiños para evitar inundacións

Operarios traballando na parroquia de Cedeira
– A segunda limpeza anual dos camiños municipais de Redondela comezou en setembro e rematará antes de finalizar o ano. A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que “por primeira vez as tarefas de roza e limpeza fanse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela”.
– Esta segunda fase de limpeza, que inclúe a retirada de todo o lixo acumulado nas cunetas, permite unha boa evacuación da auga. Deste xeito evítase os asolagamentos na época de chuvias. Rivas sinala que son uns traballos “moi necesarios” xa que hai máis dunha década que non se facía unha limpeza a fondo das cunetas.

Os traballos de roza de camiños municipais están a realizarse por fases nas diferentes parroquias de Redondela. A empresa Naturgalia, adxudicataria do servizo, realiza desde setembro a segunda campaña anual de limpeza. Os traballos inclúen tanto a retirada da maleza e restos vexetais como a limpeza a fondo das cunetas con maquinaria especializada. A brigada retira todo o lixo acumulado nas beiravías para permitir unha boa evacuación da auga. Os operarios limpan os caños e sistemas de drenaxe obstruídos por vexetación ou outros residuos. Isto evitará atascos e facilitará a evacuación da auga da chuvia. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que se trata duns traballos “moi necesarios” xa que hai máis dunha década que non se realizaba unha limpeza a fondo das cunetas.

Por primeira vez as tarefas de roza e limpeza fanse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela. A primeira fase realizouse entre xuño e agosto. A segunda limpeza é a que está a facerse actualmente e rematará antes de que finalice o ano. “O obxectivo deste contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano”, explica Rivas. Trátase dunha “aposta decidida” da rexedora local “pola mellora da calidade de vida nas parroquias” cun servizo de limpeza que se foi ampliando e mellorando nos últimos anos. O contrato, por dous anos, licitouse á empresa Naturgalia por un importe de 989.268 euros. O contrato podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual, ata un importe máximo de 1.978.536 euros para os catro exercicios.

Compartir