Concello de Redondela

A exposición «Mafalda e os dereitos da Infancia», agora no Multiúsos de Chapela

A exposición «Mafada e os dereitos da Infancia», inaugurada en Redondela co gallo do Día Mundial da Infancia, poderá visitarse desde este luns na sala de exposicións do Multiúsos de Chapela.

Resultado da colaboración entre as Bibliotecas Municipais e mais a Concellería de Infancia, coa inestimable participación dos centros de ensino de Primaria e mais de Secundaria do noso Concello, constitúe un xeito de homenaxear ao inesquecible personaxe de Mafalda polo seu 60 aniversario.

Un personaxe que, aínda que sesentona, segue a ser unha nena, e que podería convivir coa rapazada destes tempos, xa que Mafalda, reivindicativa, comprometida, feminista, defensora do medio ambiente…, sempre foi unha adiantada ao seu tempo.

Aínda que o seu aniversario foi en setembro, en Redondela fixémolo coincidir co Día Mundial da Infancia, e mais coa celebración do Pleno Infantil que celebrou o noso Concello para ese día.

Un xeito de lembrar o valor que Mafalda tiña para reivindicar os dereitos dos nenos e das nenas; e así, dándolle voz aos dereitos da Infancia, foi como o alumnado dos centros de ensino nos representou a Mafalda.

Para nós foi moi gratificante comprobar que moitos nenos e nenas desta xeración descubriron a este personaxe grazas a actividade. A eles e mais a todos e todas vós, convidámosvos a coñecela máis a través dos libros coas súas viñetas que temos nas nosas bibliotecas.

Poderedes ver estas orixinais propostas realizadas pola rapazada redondelá na sala de exposicións do Multiúsos de Chapela. Desde o 16 de decembro ata o 16 de xaneiro. Eso sí, tede en conta que durante as semanas de Nadal o Multiúsos (excepto o 27 de decembro) estará pechado.

Compartir