Institutos, Concello, asociacións e clubs traballan xa na edición deste 2025 da actividade “Unha semaniña enteira”. Será no mes de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía. Esta iniciativa, que xurdiu dos equipos de Normalización Lingüística dos institutos, ten o obxectivo de fomentar o uso do galego entre a mocidade. Para iso proponse ao alumnado superar un reto: falar galego durante 7 días as 24 horas. O Concello de Redondela, a través da concellería de Ensino e o Servizo de Normalización Lingüística, implícase nesta causa e convida a participar a asociacións e clubs deportivos. O obxectivo é “contribuír ao uso do galego entre os máis novos e animar á poboación en xeral a empregar a nosa lingua”, explica a alcaldesa Digna Rivas.
O IES Chapela acolleu a primeira das xuntanzas coa participaron dos clubs da parroquia. Todas as entidades deportivas de Chapela (Chapela CF, Club de Remo Chapela, Balonmán Chapela, Arealonga FS, Campito FS e CPA Arealonga) sumáronse á campaña para promover entre os seus equipos o uso do galego durante esa semana. Os clubs tamén se comprometeron a promover esta iniciativa nas súas redes sociais e nos carteis e publicidade dos seus encontros. Os equipos de Normalización Lingüística valoraron de xeito moi positivo a boa acollida desta iniciativa entre as entidades deportivas da parroquia “xa que son centos os rapaces e rapazas que adestran nas súas instalacións e verán reforzado ese impulso para o uso da lingua galega”. Nos vindeiros días están previstas máis reunións con diferentes clubs, asociacións e colectivos de Redondela e as diferentes parroquias “para que máis entidades se sumen tamén a esta campaña”, sinala o concelleiro de Ensino de Deporte, Iván Valles. A alcaldesa confía en que retos coma este sirvan “para normalizar o uso do galego en todos os ámbitos da sociedade” e reafirma o compromiso do seu goberno “para seguir colaborando en todas as iniciativas que se poñan e marcha a prol da lingua”.
Mala saúde do galego entre a mocidade
Campañas deste tipo, que animen á rapazada a falar galego, son moi necesarias “en vista da dificultade no uso oral da lingua galega por parte do alumnado”, tal como constata o profesorado dos institutos do noso municipio. Non se trata de casos illados. Un informe do Consello da Cultura Galega advirte que mentres en Cataluña e Euskadi a situación das súas linguas é mellor nas novas xeracións ca no conxunto da poboación, en Galicia a tendencia é a inversa: as persoas en idade escolar son as que rexistran peores datos de competencia e uso do galego. Este informe certifica o mal estado de saúde e futuro da lingua galega en canto á súa competencia; é dicir, non só en canto ao seu uso, senón á incapacidade do alumnado a falar correctamente e con soltura.