A alcaldesa recibiu no Concello aos novos mandos da Policía Nacional
– O servizo comezará a funcionar no mes de marzo con dúas novidades: a unidade móbil poderá expedir non só o DNI, senón tamén o pasaporte, e ademais emitirá o documento en 10 minutos, polo que os cidadáns poden obtelo ao momento e nunha única cita.
– A alcaldesa, Digna Rivas, explica que poderán tramitarse 80 documentos ao mes sen necesidade de desprazarse. Rivas agradece a posta en funcionamento deste novo servizo co que se asegura que servizos públicos tan esenciais como a expedición de documentos de identidade estean dispoñibles “para todos os veciños e veciñas, vivan onde vivan”.
Unha das novas unidades móbiles de documentación da Policía Nacional operará en Redondela a partires do próximo mes de marzo. Así llo confirmou á alcaldesa, Digna Rivas, a Secretaria Xeral da Comisaría Vigo-Redondela, a inspectora xefa Esther Arén. A alcaldesa explica que estas novas furgonetas achegan dúas melloras importantes. A primeira é a capacidade para emitir un documento en apenas 10 minutos, polo que os cidadáns poder obtelo ao momento, nunha única cita. A segunda novidade é a posibilidade de expedir pasaportes. Este documento ata agora só podía realizarse nas Unidades de Documentación. O obxectivo é asegurar que servizos públicos tan esenciais como a expedición de documentos de identidade estean dispoñibles “para todos os veciños e veciñas, vivan onde vivan”.
Digna Rivas agradece a posta en funcionamento deste novo servizo, moi demandado desde o Concello de Redondela, e que facilitará moito os trámites á cidadanía tanto do núcleo urbano como das parroquias. A unidade móbil estará en Redondela dous días ao mes, con capacidade para realizar 40 documentos cada xornada. O servizo prestarase con cita previa, como se viña facendo ata o de agora. Nunhas semanas, cando estean pechadas as datas, facilitaranse os días concretos e toda a información necesaria para solicitar as citas.