Concello de Redondela

Rutas sobre as mulleres na historia de Redondela, “scape room” e charlas na programación do 8M

– O CEIP Quintela, gañador do concurso de lemas para o 8M, acolleu a presentación da campaña municipal polo Día Internacional da Muller. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa participaron no acto xunto co alumnado, a dirección e o profesorado do centro.
– «O poder de cada muller transforma o mundo» é a inspiradora frase que protagoniza a campaña deste ano, na que haberá concertos, monólogos, un “Scape Room” e rutas guiadas para escolares co título “Mulleres: da historia á memoria”. As actividades prolongaranse durante os meses de marzo e abril.

O CEIP Quintela acolleu a presentación da campaña municipal co gallo do 8M, o Día Internacional da Muller. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa participaron no acto xunto co alumnado, a dirección e o profesorado do centro. O lema proposto polo CEIP Quintela: «O poder de cada muller transforma o mundo», foi o gañador na enquisa realizada pola concellería de Igualdade e Muller. Esta é a inspiradora frase que protagoniza a campaña deste 8 de marzo e que loce xa nos atractivos carteis, na programación e as e chapas feitos co gallo do Día Internacional da Muller. Rivas e Vilaboa felicitaron persoalmente a toda a comunidade educativa polo traballo, e tanto a rapazada como o profesorado amosáronse moi ilusionados con que o seu lema protagonice esta campaña a prol da igualdade entre homes e mulleres.

A programación, con actividades para público infantil e adulto, comezará o 6 de marzo con “Música Miúda. Cambia o conto” no Auditorio do Piñeiral do Crego, Chapela, ás 18:30 horas.

O acto institucional será o 7 de marzo na Praza do Concello ás 12.00 horas, coa lectura da Declaración Institucional a cargo da xornalista María Foscaldo “Virtudes”. No acto contaremos coa participación do grupo de teatro da Asociación Cultural de Chapela e tamén cos centros educativos, centros de Dia, colectivos e asociacións como Lenda e Andaina. A xornada completarase cunha charla sobre o papel das mulleres no deporte que se celebrará ás 19.30 nas oficinas de Turismo (rúa Isidoro Queimaliños). O título da actividade é “Xuntas no Deporte”, un encontro con mulleres que participan nas directivas de clubs redondeláns.

O sábado día 15 é a quenda do espectáculo “Sobria y Serena. El Chou”. Jazmín Abuín e Arantxa Treus son as protagonistas deste show de humor no que fan unha viaxe pola súa vida a golpe de gargalladas. Será ás 20:00 horas Multiúsos da Xunqueira con entrada de balde. O 21 de marzo presentarase o libro “Galegas na Música” de Isabel Blanco, coa actuación musical de Zousaxmas, no Conservatorio Municipal Víctor Ureña ás 20:00 horas. As mulleres que escribiron parte da historia de Redondela serán as protagonistas dun “Scape Room” o 22 de marzo. Sairá ás 19:00h da praza de Ponteareas (Vilavella). Información e inscricións: igualdade@redondela.gal

A concellería de Igualdade ao longo deste mes organiza tamén rutas guiadas para escolares: “Mulleres: da historia á memoria” nos meses de marzo e abril para dar a coñecer o legado que moitas mulleres deixaron en Redondela, e que foron silenciadas pola historia.

Outra actividade da programación son as charlas “Tecnoloxías e novas formas de violencia de xénero”. Esta actividade vaise celebrar nos centros culturais de Santo Estevo, Quintela, Cesantes, Ventosela, Saramagoso e no Multiúsos de Chapela. O obxectivo de levar estas charlas formativas ás parroquias é facilitar a participación de toda a veciñanza. Serán nos meses de marzo e abril.

VI xornadas Xemma Pereira

O 12 de marzo comeza as xornadas de emprendemento feminino “Xemma Pereira” con actividades de formación para o comercio local. Impartirse nas Oficinas de Turismo con clases sobre dinamización de ventas, ciberseguridade nas ventas electrónicas, etc. Serán os mércores, ata o 8 de abril nas Oficinas de Turismo de 20:30 a 22:00 horas. Inscrición en igualdade@redondela.gal.

Compartir