Concello de Redondela

O arranxo das deficiencias no campo de fútbol da Gándara realizarase a próxima semana

– O campo de fútbol de Tuimil presenta deficiencias no céspede e nos sistemas de rego e iluminación que serán reparadas a partires do vindeiro luns. A alcaldesa afirma que desde o goberno local esixirase que o campo quede “en prefectas condicións”.
– O proxecto do campo da Gándara, realizado en 2017, presenta eivas e non se axusta ás necesidades do terreo e ás condicións meteorolóxicas da zona. As instalacións xa foran obxecto de varios arranxos no verán de 2023 que tamén foran reclamados polo goberno de Rivas á empresa construtora.

O campo de fútbol de Tuimil, no Viso, presenta unha serie de deficiencias como avarías no sistema de rego e tapetes despegados, o que supón un problema para os equipos que adestran nestas instalacións. Segundo os técnicos estas deficiencias deben ser emendadas por parte da empresa contratista, xa que os traballos aínda están en período de garantía.

O Concello de Redondela reclamou á construtora que acometa as reparacións e Zona de Obra SL, a contratista, comprometeuse a emendar as deficiencias, repasar todas as xuntas do céspede que actualmente se atopan despegadas ou en mal estado e unir correctamente os tapetes. Tamén se reforzarán as ancoraxes da varanda perimetral nos puntos onde é inestable. A empresa tamén se comprometeu a revisar e reparar o sistema de rego, que presenta un mal funcionamento, e o sistema de iluminación. Actualmente algúns dos focos están avariados, polo que serán substituídos. Zona de Obra SL realizará os arranxos a partir do luns da próxima semana, xa que para garantir unha correcta reparación é necesario que non se rexistren precipitacións nos días previos e posteriores aos traballos. Este non é o primeiro requirimento que se lle realiza á empresa. Desde o Concello lembran que en 2023 xa se lle demandou a reparación do céspede polo mal estado do tapete, e a empresa fixo os arranxos no verán dese ano. A alcaldesa, Digna Rivas, afirma que o Concello estivo “desde o primeiro momento facendo todas as xestións necesarias para que empresa adxudicataria acometera as reparacións”. Rivas adianta que o seu goberno esixirá que o campo quede “en perfectas condicións”. O concelleiro de Deportes, Iván Valles, xa lle trasladou aos responsables do CD Cesantes, club que emprega as instalacións municipais da Gándara, todas as xestións que se están a realizar desde o Concello para resolver as deficiencias que presenta o campo.

Un proxecto con eivas

O proxecto do campo da Gándara, realizado en 2017 , presenta eivas e no se axusta ás necesidades do terreo e das condicións meteorolóxicas da zona. Segundo os técnicos, o material máis axeitado para este tipo de terreo, pola súa climatoloxía, sería unha base de asfalto, pero o proxecto estableceu que o firme fose de xabre. Os expertos sinalan que o asfalto achegaría máis firmeza e non xeraría os problemas de drenaxe baixo o céspede que agora está a provocar o firme de xabre.

Compartir