– Trátase dun foro de traballo que ten por obxectivo “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”. Participarán diferentes entidades e colectivos xunto cos profesionais do Centro de Saúde de Redondela e a Rede Galega de Promoción da Saúde para fomentar hábitos de vida saudables entre a cidadanía.
– O concelleiro de Saúde e Medio Ambiente, Alberto Álvarez, fai un chamamento ás entidades do municipio para que se sumen a esta iniciativa, xa que o obxectivo é implicar a asociacións, centros de ensino, clubs deportivos, voluntariado e colectivos de Redondela e das parroquias “para traballar de maneira conxunta e mellorar a saúde no municipio».
O Concello de Redondela pon en marcha a Mesa Local de Saúde, un foro de traballo multidisciplinar que ten por obxectivo mellorar a calidade de vida da poboación. Desde esta Mesa Local de Saúde, na que participarán diferentes entidades e colectivos, coordinaranse accións entre os distintos sectores implicados para promover hábitos de vida saudables entre a veciñanza de Redondela. A Mesa confórmase como un equipo colaborativo para facer da comunidade un lugar máis saudable.
Na primeira xuntanza de traballo participaron o concelleiro de Saúde e Medio Ambiente, Alberto Álvarez, a Xefa de Servizo do Centro de Saúde de Redondela, Esther López, xunto co Ramón Lagos, Noa Siñuela, Luis Lago e Marta Núñez, persoal sanitario do centro, e Marta Pérez e Iria Martínez, responsables de área da Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps) dependente da Consellería de Sanidade.
O obxectivo é implicar tamén nesta Mesa Local de Saúde a asociacións, centros de ensino, clubs deportivos, voluntariado e colectivos de Redondela e todas as parroquias para traballar de maneira conxunta “co obxectivo de mellorar a saúde no municipio», indican. Desde o Concello de Redondela faise un chamamento ás entidades do municipio para que se sumen a esta iniciativa.
A Mesa analizará os problemas de saúde da poboación para crear proxectos que melloren o benestar de todos. Actividades de prevención, talleres de saúde, iniciativas sobre hábitos saudables, rutas biosaudables ou actividades para persoas con patoloxías crónicas que melloren a súa calidade de vida son algunhas das propostas.