Concello de Redondela

Redondela prepara un servizo de Atención Temperá como referente comarcal de apoio á infancia

Iria Vilaboa, concelleira de Infancia, Luciano Otero, alcalde de Pazos, Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, e Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior.
– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asinou hoxe o convenio de colaboración cos alcaldes de Soutomaior e Pazos de Borbén para poñer en marcha este novo serbio no que tamén participa Fornelos de Montes. A asistencia de Atención Temperá prestarse en Redondela para a poboación infantil de 0 a 6 anos dos catro municipios que o precise.
– Os nenos e nenas accederán a este recurso mediante derivación do seu pediatra de referencia cando se detecte ou exista sospeita dalgún trastorno no desenvolvemento do menor. Rivas explicou que o obxectivo principal é ofrecer este recurso “imprescindible” para moitas crianzas e as súas familias, e facelo “de xeito precoz e no seu entorno máis próximo”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asinou esta mañá o convenio de colaboración para a xestión compartida do Servizo de Atención Temperá cos alcaldes de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o de Pazos de Borbén, Luciano Otero, do que tamén forma parte tamén Fornelos de Montes. O novo servizo prestarase en Redondela e estará dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos dos catro municipios. O convenio fixa as liñas de traballo e o funcionamento desta prestación para os menores e as súas familias no marco da Rede Galega.

O Servizo de Atención Temperá, un recurso público e gratuíto, estará dirixido a nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos. A alcaldesa, Digna Rivas, explicou que o obxectivo principal é ofrecer este recurso que é “imprescindible” para moitas crianzas e e as súas familias, e facelo “dun xeito precoz e no seu entorno máis próximo”. Os nenos e nenas accederán a este recurso mediante derivación do seu pediatra de referencia cando se detecte ou exista sospeita dalgún trastorno no seu desenvolvemento. A posta en marcha deste convenio, que valoraron dun xeito moi positivo todos os alcaldes, supón ofrecer “apoio especializado para os menores e tamén para as súas familias, o que favorecerá a autonomía e a inclusión das crianzas ofrecendo unha intervención adaptada ás necesidades específicas de cada caso”. O Servizo de Atención Temperá permitirá “detectar e intervir o antes posible para optimizar as terapias e tratamentos necesarios en cada caso”.

O servizo prestarase en instalacións do Concello de Redondela, e contará cun mínimo de tres profesionais especializados en trastornos do desenvolvemento a nivel cognitivo, psicomotor, da linguaxe e comunicación, da autonomía e tamén prestarán apoio e formación á familia. O equipo ofrecerá atención interdisciplinar en ámbitos como a psicoloxía, a logopedia e a fisioterapia.

Digna Rivas sinalou que a sinatura deste convenio “é un primeiro paso” que reflicte “o firme compromiso dos concellos implicados coa infancia e coas familias, partindo do convencemento de que unha intervención precoz, integral e especializada é fundamental para garantir un desenvolvemento saudable e unha inclusión plena dos nenos e nenas”.

No convenio os catro Concellos acordan solicitar as subvencións convocadas pola administración autonómica dentro da Rede Galega para o seu financiamento.

Compartir