Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

A alcaldesa de Redondela súmase ás mobilizacións para demandar unha estrada provincial EP-2702 “segura”

-A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e os rexedores de Pazos de Borbén e Fornelos de Montes, asinaron un manifesto no que demandan á Deputación de Pontevedra que a reforma da estrada provincial EP-2702 “reciba toda a atención e recursos precisos para que a súa mellora se leve adiante cona maior urxencia posible”.

– A estrada provincial, que comunica a N-550 desde Os Valos con Amoedo, soporta un elevado volume de tráfico pesado, cun firme moi deteriorado “o que a converte nunha estrada moi perigosa sen beiravías nin beirarrúas, e impiden aos peóns desprazarse pola zona con seguridade”, sinala Rivas.

– Tanto a Plataforma veciñal como os alcaldes demandan á Deputación Provincial que o arranxo da estrada non se limite aos 1.500 metros que recolle o convenio, e que se mellore a seguridade da vía “na súa totalidade”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sumouse onte á mobilización convocada polos veciños da Plataforma pola mellora de EP-2702. O colectivo cortou o tráfico no cruce da estrada provincial coa rúa A Igrexa-Amoedo. A rexedora, xunto cos alcaldes de Pazos de Borbén, Luciano Otero, e de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, asinou un manifesto no que demandan á Deputación de Pontevedra que a reforma da estrada provincial EP-2702 “reciba toda a atención e recursos precisos para que a súa mellora se leve adiante cona maior urxencia posible”. Rivas lembra que esta estrada provincial, que comunica a N-550 desde Os Valos con Amoedo, soporta un elevado volume de tráfico pesado, con multitude de camións que se desprazan aos polígonos e áreas industriais. A isto hai que engadir a circulación de turismos da veciñanza e os traballadores destas áreas industriais, “o que a converte nunha estrada moi perigosa sen beiravías nin beirarrúas, e impiden aos peóns desprazarse pola zona con seguridade”. Hai anos que se demanda o arranxo desta estrada “que ademais presenta un firme moi deteriorado”.

Tanto a Plataforma veciñal como os alcaldes demandan que a Deputación Provincial de Pontevedra, responsable desta vía “se comprometa a arranxar a estrada na súa totalidade” xa o convenio remitido dende o ente provincial ao Concello de Pazos non inclúe prazos. O proxecto da Deputación limítase a unha actuación de mellora na EP-2702 entre Amoedo e Os Valos, un treito de menos de 1.500 metros. Veciños e alcaldes das tres localidades consideran que a actuación é “insuficiente”, e reclaman o arranxo da totalidade da vía, cunha lonxitude en torno aos 9 quilómetros.

Mellora da seguridade viaria en San Xoán de Arcal

Desde o Concello de Redondela reiteran tamén á Deputación de Pontevedra a necesidade de eliminar os estacionamentos na rúa San Xoán de Arcal, EP-2907, no tramo desde a curva da Canteira ata a estrada de Pazos, PO-250. Tal como explica o informe da Policía Local, as dimensións da rúa “non permiten o paso dun vehículo en cada sentido de circulación, o que ocasiona numerosos problemas de tráfico e situacións de perigo tanto para os conductores como para os peóns”. Desde o Concello de Redondela insisten en que a mellora da mobilidade e da seguridade neste tramo da estrada provincial pasa por eliminar estas prazas de estacionamento para poder ampliar a superficie na que circulan os vehículos.

Compartir