Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

A Oficina Municipal de Turismo supera os 10.000 visitantes

– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salienta que “o feito de que en Redondela conflúan o Camiños Portugués Central e o da Costa, que é o que máis medra de todos os itinerarios, fan desta vila o punto de encontro de centos de peregrinos cada día”. A Oficina Municipal de Turismo rexistra peregrinos de máis de 40 nacionalidades diferentes. A Oficina Municipal de Turismo de Redondela atende a unha media de 2.700 visitantes ao mes.
– A Oficina Municipal ofrece aos visitantes información turística e cultural de Redondela e actividades de balde como a a ruta guiada “A vila pola tardiña” ou os Roteiros Ambientais para coñecer o patrimonio natural do municipio. Son actividades “con moito éxito de público tanto entre os visitantes como entre a propia veciñanza de Redondela”, sinala a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez Táboas.

A Oficina Municipal de Turismo de Redondela atende a unha media de 2.700 visitantes ao mes. Desde que abriu as súas portas no mes de abril e ata o pasado 31 de xullo pasaron polas instalacións da rúa Isidoro Queimaliños un total de 9.620 persoas. Na primeira semana de agosto foron máis de 600 usuarios os que se achegaron ata a oficina, o que fai un total de máis de de 10.200 visitantes.

As estatísticas reflicten que a maioría, 9.250, foron peregrinos dos que 5.585 realizaban o Camiño Portugués Central e 3.665 chegan procedentes do Camiño Portugués pola Costa. O perfil dos peregrinos que se achega á oficina varía en función da época do ano. Se ben nos meses de abril, maio e xuño son maioría os estranxeiros, coa chegada do verán tanto no mes de xullo como nos primeiros días de agosto os peregrinos de orixe española son maioría. O tirón do Camiño de Santiago a nivel internacional déixase notar nas cifras que rexistra a Oficina Municipal de Turismo, onde reciben información peregrinos de máis de 40 nacionalidades diferentes. A maioría proceden de Portugal e Alemaña, pero chegan camiñantes de todos os puntos do planeta: desde Xapón ata os EEUU, pasando por Sudáfrica, Taiwan, Rusia, Australia ou México. No caso dos españois as Comunidades Autónomas que achega máis peregrinos son Madrid, Andalucía e Valencia, aínda que tamén e numerosa a cifra de peregrinos que chegan desde Cataluña e Euskadi.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salienta que “o feito de que en Redondela conflúan o Camiño Portugués Central e o da Costa, que é o que máis medra de todos os itinerarios, fan desta vila o punto de encontro de centos de peregrinos cada día”.

Actividades gratuítas con visitas guiadas e Roterios Ambietais

Na Oficina de Información ofrécese a todo aquel que se achega información turística e cultural de Redondela, datos dos aloxamentos e servizos de restauración. Tamén se entregan de xeito gratuíto mapas e folletos turísticos, a axenda de eventos e información sobre as visitas guiadas. Desde a Oficina de Información realízase de balde a ruta “A vila pola tardiña” todos os luns pola tarde, na que os guías dan a coñecer o patrimonio histórico, cultural e arquitectónico da vila de Redondela. O programa de Roteiros Ambientais ofrece tamén visitas guiadas de balde polas diferentes parroquias para coñecer o patrimonio natural do municipio. Son actividades que están a ter unha excelente acollida, con moita participación nas saídas que se realizaron no mes de xullo e tamén neste mes de agosto. A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez Táboas, sinala que as visitas guiadas teñen moito éxito “tanto entre os peregrinos e turistas que nos visitan como entre a propia veciñanza de Redondela, que deste xeito pode coñecer mellor a historia da nosa vila e o seu patrimonio natural”.

Compartir