Antonio Cabaleiro e a profesora Ana Brianes nun dos obradoiros cos praceiros e praceiras
– O Concello de Redondela puxo en marcha unha serie de accións para mellorar a Praza de Abastos. As iniciativas inclúen programas de formación para os comerciantes e un exhaustivo diagnóstico das instalacións que permitirá identificar áreas de mellora e adecuar o edificio aos estándares de excelencia e calidade.
– As accións postas en marcha teñen como obxectivo incrementar a competitividade da praza e o crecemento dos seus comerciantes, que contan co respaldo dunha formación continua. Desta maneira o mercado de Redondela prepárase “para consolidarse como un punto de referencia para quen valora a tradición, a proximidade e o trato personalizado nas súas compras”, sinala o concelleiro Antonio Cabaleiro.
O Concello de Redondela puxo en marcha unha serie de accións destinadas a mellorar a Praza de Abastos. Estas iniciativas inclúen programas de formación para os comerciantes e un exhaustivo diagnóstico das instalacións, realizado por unha empresa especializada, que permitirá identificar áreas de mellora e adecuar o edificio aos estándares de excelencia e calidade. Este proxecto representa un paso crave no compromiso municipal por ofrecer un mercado moderno e adaptado ás necesidades da comunidade. O concelleiro de Economía e Emprego, Antonio Cabaleiro, explica que xa se puxeron en marcha diferentes iniciativas “para identificar novas áreas de mellora e estratexias que optimicen os usos do mercado” de cara a obter o selo de Mercado Excelente.
Unha das accións que se puxo en marcha é o “mentoring comercial” con expertos que orientan e guían aos praceiros para mellorar no seu eido profesional. Ademais de titorías para coñecer as necesidades de cada vendedor e vendedora, celébranse catro obradoiros. Son o de “Aumento da rendibilidade do punto de venda” para atraer máis clientes, mellorar a presentación dos produtos e maximizar as vendas. O segundo denomínase “Técnicas de visual merchandising” para axudar aos praceiros a destacar os seus produtos e atraer a atención dos clientes, a iluminación e a creación de escaparates atractivos. Outro taller será o de “Colocación do produto” para organizar os seus produtos de forma atractiva e por último o obradoiro de “Atención á clientela”, con técnicas de comunicación, a importancia do trato amable e como xestionar queixas ou reclamacións.
Tamén se realizará un estudo de diagnose de situación de usos do mercado, “cunha análise do impacto económico e potencial da praza de abastos na súa contorna”, explica Cabaleiro. Farase unha recollida de percepcións e opinións sobre o mercado por parte dos praceiros e usuarios. Finalmente realizarase unha análise e proposta de actuacións necesarias para obter o selo de Mercado Excelente.
Todo este proceso pretende incrementar a competitividade da praza, impulsando a transformación das súas instalacións e o crecemento dos seus comerciantes, que contan co respaldo dunha formación continua e unha contorna de apoio. Desta maneira, a Praza de Abastos de Redondela prepárase “para consolidarse como un punto de referencia para quen valora a tradición, a proximidade e o trato personalizado nas súas compras”, sinala Cabaleiro.
Estas actuacións contan cun investimento de máis de 22.600 euros, dos que un 80% (18.159 euros) están subvencionados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o 20% restante polo propio Concello