Concello de Redondela

A rapazada encherá a Alameda Castelao de escritura en galego nunha nova edición de “Espallar Tinta”

– A Alameda Castelao será este xoves e venres un gran escaparate cos traballos de máis de 700 escolares redondeláns de Educación Infantil e Primaria. Trátase dunh actividade en prol da escritura en galego feita por nenos e nenas para compartir con toda a comunidade educativa. Os participantes gozarán dos concertos de «Pakolas». O Concello de Redondela financia esta actividade e colabora co CEIP de Cedeira na organización. 

Máis de 700 nenos e nenas dos diferentes centros de Educación Primaria e Infantil de Redondela participan esta semana no programa Espallar Tinta. A Alameda de Castelao acollerá o xoves e venres esta actividade para promover a dinamización da escritura e a literatura na infancia.

Espallar Tinta recolle durante dous días os proxectos de escolares e profesorado nunha feira na que o propio alumnado dá a coñecer as súas producións escritas. Xornais, contos ou poemas son algúns dos traballos que se darán a coñecer. Nestas dúas xornadas darase visibilidade á infancia e a todo aquilo que escriben e queren compartir. Para a alcaldesa Digna Rivas “é moi importante facilitar espazos ao aire libre e abertos ao público onde os nenos e nenas poidan expresarse con seguridade e ensinar o seu traballo”. O concelleiro de Ensino, Iván Valles, salientou tamén a importancia de actividades como esta para favorecer “a convivencia entre o alumnado e profesorado dos diferentes centros, e poder compartir proxectos e experiencias”. E para facer deste “Espallar Tinta” unha festa completa, os dous días teremos concerto de rock infantil con “Pakolas”.

O Concello de Redondela corre con todos os gastos da actividade, así como o traslado do alumnado ata a Alameda Castelao, e colabora co CEIP plurilingüe de Cedeira na organización. A alcaldesa agradeceu á profesora Jessica Rodriguez Piñeiro o seu traballo “na organización dun evento desta magnitude”.

Imaxes: Edición das xornadas «Espallar Tinta» de 2024

Compartir