– Mozos e mozas de entre 9 e 17 anos están a participar nos campamentos “Aventuras Dixitais” organizados pola concellería de Novas Tecnoloxías. A experiencia está a resultar un éxito entre a rapazada que pode divertirse ao tempo que aprenden programación, robótica, ciberseguridade ou manexo de drons. A alcaldesa animounos a achegar as súas propostas para realizar futuras actividades no eido das novas tecnoloxías.
Ao longo do verán diferentes grupos de mozos e mozas están a mergullarse no mundo das novas tecnoloxías a través dos campamentos “Aventuras Dixitais” organizados polo Concello de Redondela. Os participantes, ademais de utilizar computadores e tabletas, tamén aprenden a empregar impresoras 3D, kits de robótica ou a facer programación, ademais de recibir formación teórica e práctica sobre ciberseguridade e IA, entre outros temas. A experiencia está a resultar un éxito entre a rapazada, que disfruta “xogando e aprendendo”.
A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Novas Tecnoloxías, visitaron esta mañá á aula CEMIT de Redondela onde se imparten estes campamentos de xeito gratuíto. Os participantes compartiron cos responsables municipais as súas experiencias e amosaron os robots que están a programar. A alcaldesa animounos a achegar as súas propostas e suxestións de cara a realizar futuras actividades dirixidas á mocidade no eido das novas tecnoloxías.
Os cursos, que se realizan ao longo de todo o mes de agosto, continuarán na primeira semana de setembro. A actividade está financiada polo Ministerio de Juventud e Infancia a través dos fondos da Unión Europea.