Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

As “Tardes de outono” en imaxes

“A grandeza do pequeno”

“A grandeza do pequeno” con Iseo A Moura : Unha sesión de narración oral que nos tivo encandeados ( tamén aos maiores ) todo o tempo. Había tanta verdade de vida nas historias que Iseo nos contou! Canto nos pode ensinar, por exemplo,  un caracol para avanzar pola vida lixeiros e sen abafos. E todo acompañado pola espectacular voz de Iseo (é o seu nome verdadeiro) A Moura e polas reflexións, intelixentes e sorprendentes, do noso público máis novo que interactuou con total naturalidade ao longo de toda a sesión.

-“A viaxe de Nano” con Raquel Queizás: Nano non defrauda, xa ten club de fans en Redondela. Con esta nova aventura, que quixo compartir con tod@s nós, viaxou, viaxou e viaxou e cheas de amig@s coñeceu e con eles a compartir aprendeu.

“A viaxe de Nano”

“Pés de lobo” Anxo Moure chegou coa súa bici e pandeireta para contarnos historias solidarias coa Terra e coas persoas que a habitan.

Nesta ocasión transformouse nun vello home lobo da Serra do Faro para levar as nenas e nenos da biblioteca ata o mundo da fauna e da flora dos parques naturais de Galicia, nunha aposta polo coñecemento da contorna.

Coma un imán para a rapazada enganchounos desde o inicio ata o final cos seus contos cheos de esperanza, acompañados de cancións e brincos, para construír entre todos un mundo mellor.

Quedamos encantados de coñecer a este “home lobo” todo un exemplo de vivir e contar que por pouco queda a durmir na biblioteca, pois cando a rapazada pedía máis contos el non dubidou en alongar o seu espectáculo… Unha ledicia!

“Pés de lobo”

– O derradeiro espectáculo do programa tardes de outono: contos en familia na Biblioteca Valle-Inclán, da man de Bea Campos quen contounos unha divertida versión de “A nena e os tres osos”.

Partindo dunha maleta convertida en casa gozamos das aventuras destes personaxes nunha sesión onde os máis pequenos/as e os seus pais e nais contaron con instrumentos musicais sinxelos cos que xogaron e cantaron acompañados do paxariño, e doutros moitos animais que foron descubrindo xuntos.

“A nena e os tres osos”

Compartir