Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Ata o día 15 de xuño poderán presentarse solicitudes para as fogueiras de San Xoán, que este ano non poderán facerse nas praias

– O permiso será imprescindible tanto para as fogueiras que se fagan en terreos particulares como en terreos públicos, estas últimas so poderán ser realizadas por entidades de participación cidadá, asociacións ou colectivos.

– Está prohibida a realización de fogueiras nos areais das praias, así como nos paseos ou zonas de tránsito próximas ás praias. Tampouco poderán facerse cacharelas preto de zonas fluviais nin en ningún espazo natural no que se poña en risco o medio ambiente.

O Concello de Redondela ten xa aberto ata o próximo 15 de xuño o prazo de presentación de solicitudes para a realización das tradicionais fogueiras de San Xoán, durante a noite do 23 a 24 de xuño. A solicitude pode facerse a través do rexistro de forma presencial ou telematicamente. A autorización é imprescindible para a realización de fogueiras tanto en terreos particulares como públicos, aínda que neste último caso, so poderán realizar fogueiras as entidades de participación cidadá.

Desde a concellería de Medio Ambiente advirten que non se autorizará a realización de fogueiras nos areais das praias, así como nos paseos ou zonas de tránsito próximas ás praias. Tampouco poderán realizarse as cacharelas preto de zonas fluviais nin en ningún espazo natural no que se poña en risco o medio ambiente.

Tanto particulares como asociacións deberán seguir unhas normas comúns, como o feito que os elementos da fogueira estean colocados xa o día anterior á queima para que os servizos municipais poidan levar a cabo a súa revisión e control. Asi mesmo, o volume de material combustible non poderá superar os 8 metros de diámetro nin os 3 metros de altura, e a separación entre fogueiras e os edificios, árbores e demais elementos que poidan resultar danados será, como mínimo, de 12 metros. A solicitude que deberán presentar recolle tamén a lista de elementos que se poden queimar, como leña, ramas, toros de árbores e materiais vellos sempre de madeira. Tamén se especifica na normativa os materiais que está prohibido queimar, como pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con PVC e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles ou calquera sustancia explosiva. Neste sentido, o Concello de Redondela lembra que un bote de aerosol, aínda baleiro, pode orixinar unha explosión. Finalmente, as solicitudes deberán acatar as normas ou instrucións que poidan ditar, en determinadas circunstancias, os axentes dos corpos de Policía, bombeiros e demais servizos públicos tanto municipais como doutras administracións públicas.

Compartir