A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Interior e Seguridade, Rita Pérez Táboas, recibiron no Concellos a dous dos menbros da Policía Local de Redondela desprazados á localidade valenciana de Benetússer. O xefe do corpo Xosé Delmiro Pampillón, o oficial Obdulio Iglesias, e os axentes Darío Vitueira, Ismael Rivera e Iván Sartages estiveron máis duha semana neste municipio, epicentro da DANA. Grazas a un convenio coa Generalitat de Valencia colaboraron en diferentes labores vinculadas principalmente coa seguridade, así como tarefas de procura, limpeza e vixilancia. Destes días de traballo intenso na zona da catástrofe regresaron “esgotados e cunha inmensa aprendizaxe que deixa esta experiencia”. “Traballar día a día cos compañeiros da policía de Benetússer e ver como se xestiona e se coordina unha catástrofe desta magnitude é unha gran lección que non se aprende en ningún outro sitio”, sosteñen Pampillón e Iglesias. Da súa labor na comunidade valenciana trouxeron moitos recordos e tamén dous agasallos moi especiais: unha gran bandeira do municipio de Benetússer asinada pola alcaldesa da localidade, Eva Sanz, co seu agradecemento, e unha bandeira da comunidade valenciana cunha dedicatoria especial do xefe da Policía Local, Paco Márquez, “para os seus heroes particulares” aos que xa consideran “amigos para sempre”.
Tanto a policía local de Redondela como voluntarios de Protección Civil levaron tamén á zona afectada as doazóns recollidas no Multiúsos da Xunqueira: alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene, material de limpeza e roupa e outros produtos de primeira necesidade. A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu aos membros da Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil “o seu traballo e entrega” e tamén “a axuda do pobo redondelán e das empresas que colaboraron e que son un gran exemplo de solidariedade”.