Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Campamento de aventuras con actividades náuticas, “bushcraft” e acampada nocturna

-Os participantes farán kaiak, paddle surf, observación de estrelas, xogos de orientación, supervivencia na natureza, unha acampada nocturna e actividades de educación ambiental, entre outras propostas.

– O campamento está dirixido á rapazada de 12 a 18 anos. Haberá dúas quendas, a primeira do 1 ao 5 de xullo, e a segunda do 8 ao 12 de xullo. O prazo de inscrición estará aberto do 10 ao 21 de xuño.

A rapazada de entre 12 e 18 anos terá a oportunidade de vivir este verán unha experiencia única. O campamento “Coñece e desfruta Redondela 2024”, organizado polo Concello de Redondela, ofrece á rapazada múltiples actividades nas praias da contorna do municipio. Os participantes poderán practicar deportes como o kaiak e o paddle surf, ademais de xogos na praia, da man de técnicos deportivos cualificados.

A principal novidade deste ano é a acampada nocturna, con actividades lúdicas e formativas como a observación de estrelas e xogos de orientación.

Bushcraft” ou como sobrevivir na natureza

Coñece e desfruta Redondela 2024” ofrece actividades de “bushcraft”, ou o que é o mesmo, a arte de vivir xunto á natureza. Trátase de xogos de supervivencia nos que os participantes aprenderá a construír refuxios con materiais que recollan da natureza. Facer lume ou crear utensilios como cordas ou cestas con fibras naturais serán algunhas das habilidades que practicarán.

A concelleira de Saúde e Medio Ambiente, Pilar Martínez, explica que os participantes gozarán de actividades moi divertidas, pero tamén formativas e de concienciación ambiental “para coñecer o patrimonio natural das nosas praias e aprender a coidalo”. Como novidade, o campamento inclúe tamén actividades de Primeiros Auxilios, “para que nenos e nenas aprendan nocións básicas de salvamento que poden serlles útiles en caso de emerxencia”.

Celebraranse dúas quendas no mes de xullo, a primeira dos días 1 ao 5 e a segunda do 8 ao 12. O campamento terá horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas, agás o xoves, que farán acampada nocturna en Cesantes coa cea incluída. A actividade, subvencionada polo Concello, ten un custe de 80 euros.

O prazo de inscrición estará aberto do 10 ao 21 de xuño. Máis información e inscricións no Concello de Redondela, no teléfono 986 400 300 e no enderezo electrónico concello@redondela.gal. No caso nenos e nenas de 10 e 11 anos interesados na actividade, poden consultar a posibilidade de inscrición.

Poden descargar aquí a ficha de inscrición:

INSCRICIÓN CAMPAMENTO AVENTURA

Compartir