Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Cesantes, Chapela e Ventosela xa teñen os seus libros de toponimia

As parroquias de Cesantes, Chapela e Ventosela xa contan cun libro dedicado á súa toponimia. O proxecto para recuperar este patrimonio inmaterial púxose en marcha polo Concello de Redodela hai tres anos, a partir do traballo de campo que realizara a cooperativa Tres Pés. O obxectivo do Concello, segundo explica a alcaldesa Digna Rivas é o de “poñer en valor, estudar e divulgar os topónimos das nosas parroquias”. Para acadar esta meta o Concello publica libros de microtoponimia de cada unha das parroquias. Polo de agora van publicados 10 libros, que se poden descargar da web do Concello de Redondela.

No día de hoxe presentáronse os libros de microtoponimia das parroquias de Cesantes (a cargo de Xosé Couñago, quen fixo o traballo de campo e o estudo filolóxico), Chapela (de María Pol, quen fixo o estudo filolóxico pero o traballo de campo era da cooperativa Tres Pés) e Ventosela (a cargo de Olga Nogueira quen fixo o traballo de campo e o estudo filolóxico). Os tres libros xa se poden descargar da web de toponimia do Concello e consultar a súa localización en Galicia Nomeada.

Ao acto asistiron Olga Nogueira e Xosé Couñago, que acompañaron á alcaldesa na presentación. Nas vindeiras semanas comezarán a presentación e reparto dos libros en cadansúa parroquia. A primeira en Cesantes, o 25 de outubro ás 20 horas na Cultural de Cesantes; e a segunda en Chapela, o 8 de novembro ás 20.00 horas no Piñeiral deo Crego, e en Ventosela será o sábado 16 de novembro ás 16 horas na Cultural A Miñoteira de Ventosela.

A alcaldesa, Digna Rivas, salientou tamén que Redondela é un referente en recuperación de toponimia, e está entre os cinco primeiros concellos de toda Galicia en número de achegas á web da Xunta de Galicia e a Real Academia Galega chamada “Galicia Nomeada”. Redondela leva colocados arredor de 2000 topónimos, onde se pode consultar cada microtopónimo por parroquia e barrio, incluíndo a explicación da súa orixe.

Compartir