O club de lectura, como actividade de extensión bibliotecaria, é unha proposta ben consolidada no programa ofrecido polas Bibliotecas Municipais de Redondela.
A edición deste pasado curso presentaba algunhas novidades con respecto ás outras. Por unha banda, no curso anterior as reunións non se celebraron de forma presencial senón virtual.
Cando comezou a presencialidade, o número de prazas ofertadas tivo que ser reducido segundo a regulamentación sanitaria vixente. Así, quedou limitado o número de participantes a dez persoas, sendo, ademais, obrigatorio o uso de máscaras durante o transcurso das reunións. Esas circunstancias supuxeron un cambio importante das dinámicas de anos precedentes
A actividade formalizouse en oito sesións en cada sede, a razón dunha por mes, dunha duración aproximada de dúas horas.
Cada reunión iniciouse cunha introdución na que , con apoio audiovisual, se presentaba ao autor e o seu contexto; relacionando, así mesmo, a lectura con outras. Despois abríase unha quenda de debate libre, no que se compartían as diversas opinións que a obra suscitara entre os seus lectores. Por medio de preguntas dirixidas, tratábase de profundar en diversos aspectos da narrativa, tales como a estrutura do texto ou as figuras e símbolos empregados. Finalmente, unha pequena recompilación da sesión e a entrega da lectura seguinte pechaba a reunión.
Setembro: Carson McCullers – Reflejos en un ojo dorado
Outubro: Auður Ava Ólafsdóttir – Hotel Silencio
Decembro: Juan José Millás y Juan Luis Arsuaga – La vida contada por un sapiens a un neandertal
2022
Febreiro: María Reímondez – Cobiza
Marzo: Tessa Hadley – Lo que queda de luz
Abril: Clarice Lispector – Escolma de relatos
Maio: Manuel Rivas – Vivir sen permiso
Xuño: Elba Pedrosa – O que non sabías