Concello de Redondela

Comeza a limpeza da marxe dos ríos para previr inundacións

– O Concello de Redondela pon en marcha a limpeza nas marxes dos ríos para evitar inundacións antes da época de chuvias. A alcaldesa explica que son labores de “prevención” nos tramos urbanos. A alcaldesa confía en que Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta, realice tamén as labores de mantemento e limpeza nos tramos fluviais que lle competen: «Hai que evitar riscos para non ter que lamentar despois graves situacións como as que se deron este verán cos incendios en moitos puntos de Galicia».
– As labores de limpeza realizaranas brigadas especializadas en xestión ambiental que protexerán as especies autóctonas “sen danar o ecosistema de ribeira”. Os traballos realízanse este mes xa que entre marzo e agosto, ambos incluídos, prescíndese de facer actuacións nos ríos para respectar a época de cría da fauna fluvial.

O Concello de Redondela comeza esta semana a limpeza das marxes dos ríos nos tramos urbanos para evitar inundacións. Farano brigadas especializadas en xestión ambiental en coordinación coa concellaría de Medio Ambiente. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que son labores de “prevención” que se fan desde o Concello para que os cauces estean nas mellores condicións “antes da chegada das chuvias de outono e inverno”. A rexedora sinala a importancia de facer estas tarefas ao longo deste mes. Rivas confía en que desde Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta, se realicen as labores de mantemento necesarias nos ríos que non se fixeron ata o de agora en zonas como Reboreda ou o Viso. “Queremos evitar situacións de risco ou desgrazas como as que provocaron os incendios este verán en moitos lugares de Galicia por falta de previsión”.  O Concello traballa xa nun plan integral de prevención de inundacións.

Os traballos de limpeza realizaranse este mes nos tramos urbanos do Pexegueiro, Alvedosa e Maceiras ao seu paso por Redondela, así como nos ríos Fondón e Maceiras na parroquia de Chapela. Este ano tamén se actuará na canle do río Pugariño, limítrofe con Vigo, malia que a competencia é da Xunta. Fóra dos tramos urbanos o río é competencia exclusiva de Augas de Galicia.

Protexer un ecosistema sensible

Os traballos realízanse este mes xa que desde marzo ata agosto, ambos incluídos, prescíndese de facer actuacións nos ríos “para preservar este delicado ecosistema e respectar a época de cría de aves e anfibios”. Nas labores de limpeza protéxense as especies autóctonas “sen danar o hábitat e a vexetación de ribeira”. O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, lembra que este ecosistema cumpre un papel “fundamental” para manter vivo o río e a súa fauna.

Compartir