Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Comezan os cursos de Primeiros Auxilios do Plan Local de Saúde Comunitaria

-Os cursos comezan en Redondela e Chapela, e impartiranse tamén no resto de parroquias. A formación, cunha duración de hora e media, aborda os coñecementos básicos para poder actuar en casos caso de asfixia, fractura, desmaio ou hemorraxia.

– Esta formación organízase grazas á colaboración entre o Concello de Redondela e os profesionais dos Centros de Saúde de Redondela e Chapela, así como os voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Redondela.

Esta semana arrancaron no pavillón municipal da Marisma os cursos de Primeiros Auxilios que o Concello está a organizar dentro do Plan Local de Saúde Comunitaria. A concelleira de Sanidade, Pilar Martínez, advirte que “en calquera momento podemos presenciar un accidente ou outra circunstancia onde podemos salvar a vida dunha persoa se sabemos primeiros auxilios, porque a primeira atención pode ser crucial”. Para poder prestar este tipo de axuda hai que ter unha serie de coñecementos específicos, e ese é o obxectivo dos cursos que se están a impartir. Cunha duración de hora e media, nesta formación os participantes adquiren coñecementos básicos para reaccionar ante un caso de asfixia, fractura, desmaio, hemorraxia, etc. “O fundamental é manter a calma e ter os coñecementos claros para evitar complicacións maiores”, apunta Pilar Martínez. Durante o curso aprenderase a tratar cada emerxencia cunha técnica adecuada, “xa que cada situación require dunha acción concreta”.

Neste primeiro curso están a participar os usuarios e usuarias dos cursos de Tai Chi que organiza o Concello. A formación continuará os vindeiros días con máis cursos tanto en Redondela como en Chapela. En Redondela será no pavillón da Marisma os días 4 e 6 de xuño, de 10.00 a 11.30 horas. En Chapela realizarase un curso o 3 de xuño no pavillón Manuel González Soto, en horario de 9.45 a 11.15 da mañá. O 7 de xuño será ás 18.00 horas no Círculo Cultural Recreativo de Chapela. En próxima semanas impartiranse tamén no resto de parroquias. Todos os cursos están abertos á participación de calquera cidadán que desexe asistir.

Estas actividades organízanse “grazas á colaboración entre o Concello de Redondela e os profesionais dos Centros de Saúde de Redondela e Chapela, así como os voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Redondela”, explica Pilar Martínez, quen avanza que esta formación vai levarse tamén aos clubs deportivos, centros culturais e parroquiais, asociacións, e tamén para os participantes no Programa de Voluntariado de Redondela. Desde o goberno local o obxectivo é poñer en marcha dentro desde Plan Local de Saúde Comunitaria diferentes iniciativas “que redunden nunha mellor calidade de vida para veciños e veciñas de todas as idades”, explica Pilar Martínez. Por iso tamén está a traballar cos profesionais sanitarios dos Centros de Saúde do municipio nun programa de camiños cardiosaudables, que se poderán realizar en diferentes paseos e sendeiros, e outras actividades para persoas con patoloxías crónicas.

Compartir