– A empresa adxudicataria do contrato, Naturgalia, comezou onte os traballos de roza e limpeza en Cesantes, para continuar nas próximas semanas polo resto de parroquias.
– Por primeira vez as tarefas de roza e limpeza faranse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela, cunha primeira fase neste mes de xuño e unha segunda roza entre setembro e novembro.
-“O obxectivo deste contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano”, explica a alcaldesa Diga Rivas.
Os camiños municipais lucirán en perfecto estado este verán, unha vez comezou xa a traballar a empresa adxudicataria do contrato “histórico” adxudicado polo Concello de Redondela para os traballos de roza e limpeza nas 13 parroquias. A empresa Naturgalia, responsable do servizo, comezou onte os traballos en Cesantes “para manter as estradas e camiños libres de maleza e en perfecto estado para o seu uso”. Logo continuarán polo resto das parroquias do municipio. Os traballos permitirán tamén cumprir coa normativa de prevención e defensa contra os incendios forestais.
Por primeira vez as tarefas de roza e limpeza faranse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela, cunha primeira fase neste mes de xuño e unha segunda roza entre setembro e novembro. “O obxectivo deste contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano”, explica a alcaldesa Diga Rivas. Trátase dunha “aposta decidida” da rexedora local “pola mellora da calidade de vida nas parroquias” cun servizo de limpeza que se foi ampliando e mellorando nos últimos anos.
O contrato, por dous anos, licitouse por un importe de 989.268 euros. O contrato podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual, ata un importe máximo de 1.978.536 euros para os catro anos.
Os traballos deixarán os camiños e as súas marxes despexados, rozados e limpos, o que inclúe a maleza, herbas e arbustos tanto nos camiños como nas beiravías e noiros. Retirarase todo o lixo acumulado nas beiravías e gabias para permitir unha boa evacuación da auga, o que evitará atascos e facilitará a evacuación da auga da chuvia. Desperdicios como bolsas plásticas, papeis, latas ou botellas que se atopen durante os labores de limpeza tamén están a ser retirados. Naturgalia tamén se encarga da recollida e transporte de todo o material procedente das rozas e limpezas, así como a súa clasificación, xestión e tratamento segundo a normativa medioambiental.